O CONCELLO DE CERVO FELICITA A SAÚDE MENTAL A MARIÑA POLA APERTURA DO SEU NOVO CENTRO NO SOUTO
Grazas ao esforzo de todos/as eles/as, e tamén ao apoio da Xunta de Galicia, e da Fundación Amancio Ortega, déuselle unha nova vida a este complexo, situado no corazón de Cervo, que simboliza ese espazo de esperanza, apoio e transformación social.
A pasada semana remataba cun acto moi agardado, especial e emotivo, que aínda nos ten a todos co corazón encollido pola atmósfera que se creou na contorna da Praza do Souto, en Cervo.
Fomos testemuñas da posta en marcha da segunda unidade residencial da asociación Saúde Mental A Mariña no noso Concello.
Pero non só se abriu unha nova porta, senón que se acaba de crear un novo espazo de encontro, dando un paso máis cara a desestigmatización da saúde mental e a construción dunha sociedade máis inclusiva.
Neste fito teñen moita responsabilidade a Familia ao completo da asociación Saúde Mental A Mariña, encabezada pola súa directora técnica xeral María José, incansable, sempre comprometida; polo seu presidente, Jorge, e por todas as persoas usuarias e o equipo humano da asociación. SEMPRE cun especial recordo para Iris, a súa impulsora xa na década dos noventa.
Grazas ao esforzo de todos/as eles/as, e tamén ao apoio da Xunta de Galicia, e da Fundación Amancio Ortega, déuselle unha nova vida a este complexo, situado no corazón de Cervo, que simboliza ese espazo de esperanza, apoio e transformación social.
Unha contorna que non só brindará un refuxio seguro, senón que será ese lugar onde as persoas poderán recibir a atención necesaria para o seu benestar. Un lugar que nace baixo o paraugas da comprensión e o respecto.
Este novo centro enmárcase nunha contorna única, bañada polo Río Xunco. O emprazamento idóneo que promove a tranquilidade, a conexión coa natureza e o benestar, nun espazo acolledor, cunhas instalacións modernas e funcionais. Un fogar no que se cultivará a empatía, o benestar e o respecto, en plena conexión coa natureza.
A saúde mental é unha prioridade que nos ten que ocupar e preocupar a todos, e con esta inauguración celebramos non só unha nova residencia, senón un compromiso renovado cara a un futuro máis esperanzador.
Graciñas a todos/os os/as que traballastes para facelo posible!
Seguimos avanzando cara unha sociedade máis empática e inclusiva!