A organización municipal fai referencia á organización política do Concello, é dicir, ao conxunto de órganos que poden exercer funcións de carácter decisorio, informativo e consultivo.
Alcaldía: O alcalde é o presidente da corporación, dirixe a administración municipal e representa ao Concello. É elixido democraticamente polas persoas con dereito a voto nas eleccións municipais, que se celebran cada catro anos. Preside o Concello.
Tenencia de Alcaldía: Un tenente de alcalde é un concelleiro ao que o alcalde, en uso das facultades que lle atribúe a lei, nomea membro da Xunta de Goberno e lle recoñece capacidade legal para substituílo nos supostos que determina a lexislación, basicamente en caso de enfermidade, ausencia, dimisión ou falecemento.
Xunta de Goberno Local: É o órgano colexiado do equipo de goberno municipal. Está formada polo alcalde os tenentes de alcalde e os concelleiros por el designados. A súa finalidade é asistir ao alcalde nas súas atribucións e aquelas que lles encomende a carta municipal.
No caso de Cervo, a Xunta de Goberno está integrada por:
- Dª Dolores García Caramés, Alcaldesa
- Dª Manuela Méndez Álvarez, 1ª Tenente de alcaldesa
- Dª. María Concepción Pilar Armada Carrete, 2ª Tenente de alcaldesa
- Alfredo Antonio Fenández Casas, 3º Tenente de alcaldesa
Pleno: As sesións plenarias son as reunións oficiais que convoca o alcalde ou alcaldesa e ao que acoden todos os concelleiros e concelleiras da Corporación Local, tanto os do goberno como os da oposición. Presididos polo rexedor/a, celébranse polo menos unha vez ao mes de forma ordinaria, aínda que o alcalde pode convocar máis duna sesión ao mes, sendo as seguintes denominadas extraordinarias. A función do pleno é aprobar aquelas resolucións das comisións de traballo que sexan de maior importancia.
Corporación municipal
A corporación municipal de Cervo conta con representantes de tres formacións políticas dende as últimas eleccións municipais, celebradas en maio do 2023.
Esta corporación está composta por 11 concelleiros, incluída a alcaldesa, repartidos da seguinte maneira segundo os resultados dos comicios: Partido Popular (PP), 7 concelleiros; Partido Socialista de Galicia (PSdeG), 2 concelleiros; e Bloque Nacionalista Galego (BNG) 2 concelleiros.
O número de representantes de cada partido político na corporación está directamente relacionado co número de votos recibidos nas eleccións municipais en base á Lei D'Hont. Nos últimos comicios os resultados foron os seguintes: O Partido Popular (PP) recibiu un total de 1.804 votos; o Partido Socialista de Galicia (PSdeG) 578 votos e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) 523 votos.