Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos
O Conxunto Histórico-Artistico de Sargadelos foi declarado como tal o 18 de agosto de 1972 e inclúe os restos do complexo industrial fundado a finais do século XVIII por Antonio Raimundo Ibáñez, Marqués de Sargadelos, ao levantar unha fundición de ferro e, a principios do XIX, as fábricas de louza e vidro.
A implantación da industria cerámica neste lugar non se debe ao azar, senón a riqueza natural en minas de caolín, materia prima fundamental para esta industria; á existencia de fragas, que facilitou o uso directo de madeira nos procesos industriais; e á proximidade do mar, que favoreceu o transporte.
Este conxunto está formado polos seguintes bens patrimoniais: A presa, restos das instalación siderúrxicas, Casa da Administración, Antiga Fábrica de Louza, Casa do Peso, Paseo dos Namorados, Pazo de Ibañez, Camiño Real, Igrexa de Santiago de Sargadelos e cemiterio.
A presa foi construída no 1791, para o seu aproveitamento industrial. Situada sobre o río Xunco, no que se atopan diversas construcións que aproveitaron a forza da auga e serviron para a elaboración de produtos de consumo. Seguindo a marxe do río pódese ver o "Paseo dos Namorados”.
En 1794 entrou en funcionamento en Sargadelos o primeiro dos altos fornos cos que ía contar a fundición, que foi evolucionando ata que se converteu nun complexo con dous altos fornos dotados de mecanismos de inxección de aire e catro fornos de calcinación. A fábrica producía cazolas, bombas, granadas, e metrallas.
Na actualidade, conservánse restos de varios fornos nas inmediacións da Casa da Administración e o Paseo dos Namorados.
A Antiga Fábrica de Louza levantouse no ano 1804, co fin de imitar a louza de Bristol, en Inglaterra. Foi pioneira no decorado mecánico e na louza estampada. Despois de permanecer pechada durante moitos anos, no século XX experimenta un novo auxe, sendo os seus impulsores Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane.
A Casa do Peso construíuse ao mesmo tempo que a Fábrica de Louza, e a súa función foi a de pesar a louza para a sua venda. Trátase dun edificio illado, con muros de mampostería e cuberta de lousas. O pazo de Ibañez foi construído en 1804 para servir de residencia ao marques. É un pazo señorial, aínda que de estilo campesiño, de planta cadrada e cachotaría branqueada. A fachada principal é neoclásica e os seus balcóns foron realizados na fundición. A fachada posterior está precedida dun pequeño xardín e orientada ás instalacións da fábrica.
A estrada de peaxe ou Camiño Real foi construído en 1849, dende as Reais Fábricas ata o Porto de San Ciprián. Foi a primeira estrada de peaxe de España e a través dela chegaban ata o mar os productos manufacturados nas fábricas propiedade de Ibañez. A Igrexa de Santiago de Sargadelos levantouse entre os anos anos 1862 e 1865. O seu arquitecto foi D. Ignacio Ledo, baixo a dirección de D. Xosé Mª Noya.
É pouco habitual a realización dunha obra de autor de calidade no medio rural. Neste caso estivo motivada pola presenza das empresas e o prestixio da zona.
De gusto neoclásico, consta dunha nave cuberta con bóveda de medio canón sobre dous arcos faxóns, capela maior e dúas sancristías, e nas suas inmediacións atópase o cemiterio, importante pola existencia de sepulturas de interese artístico.
Centro de emprendemento de Sargadelos
O Centro de Emprendemento do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos está ubicado no Antigo Edificio das Cabalerizas, reformado e acondicionado polo Concello de Cervo, con fondos procedentes da Xunta de Galicia, para a creación dun centro de artesanía e de actividades singulares adaptadas á contorna.
O novo centro comezou a súa andaina no verán do ano 2018; coa posta en marcha das primeiras actividades e hoxe en día os 6 locais habilitados están ocupados.con diferentes iniciativas que lle aportan un valor engadido a este paraxe.
Esta instalación convertiuse neste tempo nun reclamo moi importante dentro do Conxunto Histórico Artístico; un atractivo máis neste enclave excepcional que aúna natureza, cultura, historia e unha riqueza paisaxística única en toda a contorna que non podes deixar de descubrir.
No Conxunto Histórico Artístico tamén podemos atopar a antiga nave de fundición de Sargadelos, que data do século XVII. Esta foi restaurada no ano 2017 e cedida polo Concello de Cervo en 2020 ao artista Telmo Cao para acoller o seu obradoiro de forxa artística e escultura de metal, cuxa actividade veu enriquecer o Centro de Emprendemento de Sargadelos. Como complemento á actividade principal que desempeña no obradoiro, a través de visitas guiadas, as persoas interesadas na materia poden coñecer de cerca o traballo que desempeña diariamente o artista.
(Para concertar unha visita grupal ou para coñecer máis polo miúdo o seu labor pódese contactar con el a través da súa páxina web https://www.obradoiroscao.com/).