A ALCALDESA DE CERVO VISITOU OS CENTROS DE SAÚDE MENTAL A MARIÑA PARA ENTREGARLLES OS CALENDARIOS MUNICIPAIS QUE PROTAGONIZAN COMO PARTE DO PROGRAMA ARRUGUIÑAS
A rexedora visitou estes días os dous centros que a asociación Saúde Mental A Mariña ten no municipio e aproveitou para entregarlles os calendarios municipais que nesta ocasión teñen como protagonista o programa Arruguiñas.
E é que os/as usuarios/as da asociación forman parte activa dos talleres terapéuticos que se desenvolven cada venres na Casa do Mar, dentro deste programa integral de envellecemento activo, un espazo no que se promove a plena integración e a participación comunitaria.
Durante a visita, a rexedora compartiu unha merenda tanto coas persoas usuarias como con parte do persoal da Residencia Resort situado na Praza do Souto e da unidade residencial da Senra, nunha tarde de conversas moi enriquecedora na que as persoas usuarias amosáronse encantadas coa iniciativa, destacando que foi “unha tarde perfecta” e confesando a ilusión que lles fixo buscarse e recoñecerse no calendario.
A rexedora quixo destacar o importante labor social e terapéutico que realiza Adaoemam A Mariña, así como agradecer a súa implicación e participación constante en todas as iniciativas municipais, contribuíndo a facer de Cervo un concello máis inclusivo e solidario.