Programa de compostaxe doméstico

En xuño do 2010, o Concello de Cervo uníuse a un programa piloto de compostaxe doméstica levado a cabo por SOGAMA, dende entón e unha vez rematado dito programa o Concello de Cervo segue apostando para que os veciños que o desexen continúen levando a cabo esta práctica.

Case a metade do lixo que xeramos nos nosos fogares está formado por materia orgánica, cuxo destino habitual son os contedores convencionais, nos que tamén deben ser depositados os materiais non reciclables. Estes, xunto aos restos orgánicos, son sometidos a un proceso de valorización enerxética, transformándoos, con todas as garantías ambientais e para a saúde pública, en enerxía eléctrica, que logo pasa á Rede Eléctrica Nacional.

Agora ben, en determinados ámbitos do medio rural existe a posibilidade de transformar esta materia orgánica en compost, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. O proceso resulta moi sinxelo, xa que se trata de recuperar unha práctica tradicional en Galicia, separando os residuos orgánicos para a elaboración de abono ou alimento do gando.

É por isto que, dadas as particularidades do territorio obxecto de actuación, os participantes neste programa de compostaxe poderán fabricar o seu propio compost, contribuíndo a:

  • Reducir o volume global dos residuos producidos mediante a reciclaxe da materia orgánica en orixe

  • Eliminar ou, polo menos, minimizar o excesivo uso de fertilizantes químicos

  • Reducir a frecuencia de recollida dos contenedores xenéricos por parte dos servizos municipais, así como o custo económico que trae consigo a súa axeitada xestión e tratamento

  • Minorar o número de desprazamentos que os habitantes do rural deben realizar aos contenedores

Cartel sobre compostaxe
A concelleira de medioambiente facendo unha inspección rutinaria

A compostaxe doméstica

A compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar, como é o caso dos restos de comida e podas, obtendo un produto final, o compost, que se pode utilizar como acondicionador de solos nos propios xardíns e hortas das vivendas que o fabrican.

É necesario:

  • Un espazo axeitado na horta ou xardín

  • Un composteiro onde depositar os restos orgánicos (aínda que se trata dun recipiente que non é imprescindible)

  • Residuos de cociña (restos de verduras, froitas...)

  • Residuos do xardín (restos de poda, follas secas,céspede...)

  • Un aireador (pincho,pá…) para remover o compost

  • Unha pá, para recoller o abono obtido

  • Auga

O composteiro

O composteiro é un recipiente que facilita a circulación do aire no seu interior, onde se introducen os restos orgánicos, permitindo unha óptima accesibilidade, tanto para depositar residuos coma para extraer o abono resultante.

A súa función é a de manter as condicións axeitadas de temperatura e humidade para a elaboración de compost, evitando ademais a entrada de pequenos animais e roedores que poden alterar o proceso.

Tal e como se veu facendo tradicionalmente, tamén se pode elaborar abono directamente no solo; non obstante, o composteiro aporta unha serie de vantaxes:

  • Permite manter a zona limpa e recollida

  • Acelera o proceso de compostaxe

  • Evita os malos olores

  • Facilita o control das condicións axeitadas de humidade, temperatura e osíxeno

  • É de doada montaxe e sinxelo mantemento

Composteiro