O CONCELLO DE CERVO DESTINA 37.000 EUROS DO ORZAMENTO ÁS ENTIDADES DEPORTIVAS MUNICIPAIS
Villares e Soto mantiveron un encontro cos representantes dos diferentes clubs co obxectivo de abordar as axudas económicas deste curso e comezar a planificar a nova tempada
- Quixeron agradecerlle aos presentes “a súa entrega absoluta e altruísta coa que conseguen encher Cervo de Deporte ao longo de todo o ano”

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, José Ramón Soto, mantiveron na tarde de onte un encontro cos representantes das diferentes entidades deportivas do municipio. A convocatoria foi ás 19:00 horas, na Casa da Cultura en San Ciprián.
O alcalde destacou que foi unha reunión moi positiva, na que, ademais de tratar aspectos puramente deportivos, “tamén resolvemos as axudas económicas directas que destinamos desde o Concello de Cervo, ano tras ano, para colaborar cos diferentes clubs no seu funcionamento diario”. Este ano reservamos 37.000 euros do orzamento para este fin, case un 10% máis que no pasado exercicio, “porque consideramos que é fundamental o labor que desenvolven de xeito altruísta promovendo e enchendo Cervo de deporte ao longo de todo o ano, un traballo polo que debemos estarlles tremendamente agradecidos”.
As entidades son: S.D Candelaria, Club Deportivo San Ciprián, S.D Cervo Sargadelos, Club de Tiro con Arco ladovi, Club Medela MTB, Club de Tenis de Mesa San Ciprián, Club Limosa Surf e Club Náutico Amigos del Mar.
A reunión serviu tamén, como sinalou Soto, “para comezar a programar e coordinar as diferentes actividades deportivas que estes clubs, en colaboración co Concello, programarán nos vindeiros meses”.
Villares apuntou que á marxe desta axuda directa, dende o Concello de Cervo “tentamos colaborar sempre en todo o que está na nosa man na organización dos diferentes eventos, con todos os medios materiais e humanos que temos a disposición”.