VILLARES: 'UNHA VEZ EXTRAÍDOS E ANALIZADOS OS DATOS DA NOSA CAMPAÑA EXPERIMENTAL CONTRA A VELUTINA, NON PODEMOS ACREDITAR A EFICACIA NA PRIMAVERA DAS TRAMPAS CON ATRAÍNTE PARA CAPTURAR AS RAÍÑAS'

O Concello de Cervo investiu este último ano preto de 6000 euros na adquisición de líquido atraínte que distribuíu entre o medio cento de apicultores que hai no municipio

  • Pese ao esforzo, a gran maioría dos apicultores recoñece que detectou moita máis presenza de velutina que en anos anteriores
  • Esta campaña pioneira, encabezada pola delegación de Medio Ambiente, apóiase nas directrices recollidas na “estratexia de xestión, control e posible erradicación da vespa asiática” do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente

Image removed.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ofreceu esta mañá un balance sobre a campaña experimental que se levou a cabo dende a delegación de Medio Ambiente, para tentar poñer freo á expansión da vespa velutina no noso territorio; e que consistiu na entrega de botes de atraínte de balde aos apicultures do Concello para a creación e instalación de trampas para capturar as raíñas nos meses de primavera, cando os expertos aseguran que saen do seu letargo invernal e comezan a construción dos niños.

O rexedor recordou que durante este ano mantivemos ata catro encontros co medio cento de apicultores do Concello de Cervo, e decidimos poñer en marcha esa estratexia pioneira co fin de tentar minimizar a presenza dos niños no municipio.

Na compra dese líquido, que se entregou ata en dúas ocasións aos apicultores –nos meses de marzo e xuño- investíronse preto de 6.000 euros; e fíxose un reparto equitativo en función do número de colmeas; que suman medio milleiro en total en todo o territorio de Cervo.

Pois ben, unha vez contrastados e analizados os datos extraídos logo dun exhaustivo seguemento dos nosos técnicos durante meses, podemos determinar que os resultados non son os esperados; “e non podemos acreditar, lamentablemente, a eficacia na primavera das trampas con atraínte para capturar as raíñas”.

De feito, todos apicultores do municipio constatan que a presenza desta especie invasora foi en aumento no último ano.

Villares quixo puntualizar que para a posta en marcha desta campaña seguimos, en todo momento, as directrices recollidas na “estratexia de xestión, control e posible erradicación da vespa asiática” do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente; que recomenda, en todo caso, instalar o trampeo só na contorna dos colmenares; para evitar posibles impactos indirectos sobre a biodiversidade.

Tal e como se recolle no seguinte cadro o número de niños detectados, eliminados e neutralizados polo G.E.S. foi maior en Cervo que noutros municipios, a pesar do trampeo.

 

 Niños eliminadosNiños neutralizadosImposible actuarTotal
CERVO7512936240
XOVE946222178
O VALADOURO61349104
BURELA2430 54
ALFOZ42499100
    676

 * Nesta táboa recóllense exclusivamente os niños que foron abordados polo G.E.S de Cervo.

* Non se descarta que esa maior visualización de niños de velutina no Concello de Cervo, poida ter relación con que o G.E.S., ao ser un servizo municipal propio, faga, no que atinxe a este municipio, un traballo sobre terreo máis exhaustivo.

Con todo, Villares sinalou que a experiencia foi positiva porque grazas a este traballo temos na man datos fidedignos para seguir avanzando na investigación e nos métodos que nos permitan minimizar o impacto desta especie invasora. Son datos que  imos poñer en coñecemento dos expertos porque cremos que poden ser de utilidade para o estudo do comportamento da vespa velutina e para poder dar cunha solución no futuro.

O rexedor anunciou que logo do Nadal vai manter un novo encontro cos apicultores do Concello para avaliar en conxunto este informe e estudar a liña a seguir nos vindeiros meses.