A CASA DA CULTURA DE SAN CIPRIÁN ACOLLE A MOSTRA FOTOGRÁFICA DO CONCURSO DE MEDIO AMBIENTE 'CERVO RESPECTA'

Pódese visitar ata o vindeiro martes, 15 de agosto, en horario de 9:00 a 14:00 horas

Está conformada por 32 fotografías relacionadas co medio ambiente, inéditas e orixinais, tomadas en diferentes lugares de Galicia

A Sala de Exposicións da Casa de Cultura de San Ciprián acolle ata o 15 de agosto a exposición fotográfica do VII concurso fotográfico de medio ambiente Cervo Respecta.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a edil de medio ambiente, Manuela Méndez, visitaron a mostra composta por 32 fotografías inéditas e orixinais, tomadas en diferentes lugares de Galicia.

Recordamos que o primeiro premio recaeu en Pedro Antonio Vicente Canoura, pola fotografía que leva por título Autillo Europeo (Otus scops).

O segundo premio foi para María Elena Fernández Vázquez, coa foto Remuíños e Maruxaina. Trátase dunha vista da Maruxaina no medio das rochas, nun solpor. Foi capturada cun obxectivo “ojo de pez” e acadou o segundo premio tras unha segunda votación ao empatar coa foto “Souto da Retorta”. Ademais, foi a instantánea do Concello de Cervo que máis puntos obtivo, polo que tamén se fixo co galardón Top Cervo.

Villares e Méndez convidaron a todo o mundo a visitar a mostra e recordaron que o concurso Cervo respecta,  “é xa unha cita consolidada no noso Concello, que celebramos con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, que ten lugar cada 5 de xuño cun único fin: o de concienciar no respecto ambiental, poñendo en valor un dos nosos bens máis prezados e vulnerables, a natureza”.