O CONCELLO DE CERVO CONVOCA NOVAS REUNIÓNS COS APICULTORES PARA AVALIAR A INCIDENCIA DA VELUTINA
Villares sinalou que “o obxectivo é valorar cos apicultores a efectividade ou non das trampas que foron colocando nas súas propiedades, elaboradas cos atraíntes que distribuímos de balde dende o Concello”
- Os encontros serán o xoves e o venres á tarde, en Rúa, San Román, Trasbar, Cervo e San Ciprián.
O Concello de Cervo vén de emitir un novo bando no que convoca aos apicultores do municipio a unha serie de reunións para abordar a problemática da velutina e valorar co sector a efectividade, ou non, das trampas que foron instalando nas súas propiedades, “elaboradas cos atraíntes que distribuímos de balde dende o Concello o pasado mes de marzo, co fin de avaliar tamén se é preciso facer unha nova entrega deste tipo de produtos”.
Así o sinalou o rexedor cervense, Alfonso Villares, que recordou que “esa era a idea da que partimos cando entregamos vai dous meses os botes de atraínte aos apicultores, que distribuímos casa a casa, co fin de atacar ás raíñas nesta primavera, que é o momento crucial para facelo, para tentar así frear a expansión da velutina e a formación de niños de cara aos vindeiros meses”.
Deste xeito “cada envase que entregamos garantía o mantemento da trampa durante un período de dous meses, que se vén de cumprir, e é agora cando queremos volver xuntarnos cos apicultores para facer ese seguemento da evolución das colmeas e comprobar se o traballo que se está a facer vai no bo camiño”.
O rexedor recordou que nestes últimos tempos os técnicos municipais fixeron un traballo exhaustivo identificando e xeoreferenciando as colmeas que hai no Concello, chegando a contabilizar a día de hoxe preto de medio milleiro delas.
O obxectivo, sinalou “é seguir estando, tal como vimos facendo dende que temos constancia da presenza desta especie invasora no noso Concello, ao carón dos nosos apicultores, e tentar protexer, na medida das nosas posibilidades, o seu traballo e o das súas abellas”.
O encontros serán mañá xoves ás 19:00 horas na Escola de Rúa, ás 20:00 horas na Escola de San Román, ás 21:00 horas no local social de Trasbar, e o venres ás 19:00 horas no salón de plenos do Concello de Cervo e ás 20:00 horas na Casa do Mar de San Ciprián.