05/05/2017. O CONCELLO DE CERVO E O CD SAN CIPRIÁN POÑEN EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE PROMOCIÓN TURÍSTICA CO GALLO DO NACIONAL DE BALONCESTO
- Editáronse dípticos que se colocarán nas bancadas con ampla información sobre os atractivos do municipio para que os visitantes aproveiten tamén o campionato para descubrir Cervo
- Ademais, grazas ao traballo dos voluntarios reunidos polo propio CD San Ciprián, programáronse excursións a lugares emblemáticos do Concello, para os alumnos de varios colexios da provincia que asistirán aos partidos que se desputarán no Pavillón da Veiga

O Concello de Cervo e o CD San Ciprián traballaron conxuntamente na posta en marcha dunha campaña de proxección turística do municipio, “sabedores do tirón dun campionato nacional destas características como o que imos acoller en Cervo”, tal e como sinalou a Edil de Turismo, Manuela Méndez.
Deste xeito, Méndez, e o reponsable do CD San Ciprián, Pablo Ojea, presentaron os dípticos informativos que se editaron con ampla información turística dos diferentes recunchos que agocha o municipio “co fin de que aquelas persoas que asistan como público a esta competición de primeira orde, tamén aproveiten o día para visitar o Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos, a fábrica, as nosas praias, o Faro, en fin todo canto Cervo lles pode ofrecer”.
Ademais, grazas ao traballo incansable dos voluntarios, que levan moitos meses volcados totalmente na organización do campionato, tamén se concertaron excursións a lugares emblemáticos do municipio, para os alumnos de varios colexios da provincia que se desprazarán a Cervo durantes eses días de competición.
Méndez recordou que “dende o primeiro intre dende o Concello de Cervo, se apostou decididamente por este campionato, porque cremos na importancia de fomentar e visibilizar a actividade deportiva no seu conxunto, pero tamén somos conscientes da innegable proxección turística que supón un evento desta magnitude para a nosa zona”.
“Convidamos pois, tanto dende o Concello de Cervo, como dende o CD San Ciprián a todo o mundo a que asista dende o domingo ao Pavillón da Veiga, onde poderán gozar do xogo das mellores promesas do baloncesto feminino, e tamén os convidamos, como non, a coñecer Cervo e os seus atractivos”.