03/04/2017. O CONCELLO DE CERVO REFORZA O DISPOSITIVO DE LIMPEZA DE PRAIAS COA CHEGADA DA PRIMAVERA E OS PERIODOS VACACIONAIS

 

  • Villares indicou que “o obxectivo é que, coa chegada do bo tempo, veciños e visitantes poidan gozar duns areais na mellor das condicións no seu tempo de ocio”
  • Durante o inverno e tralos temporais, os operarios municipais xa acometeron traballos de limpeza nas praias, que agora se intensifican

O Concello de Cervo vén de reforzar o dispositivo de limpeza das praias do municipio coa chegada da primavera e os períodos vacacionais que se aproximan.

O alcalde, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Manuela Méndez, desprazáronse esta mañá ata a praia do Torno, onde supervisaron os traballos de acondicionamento que se están a acometer, e que se iniciaron esta mañá neste areal de San Ciprián.

Segundo sinalou Villares “consideramos que agora é o momento idóneo para levar a cabo esta actuación dun xeito integral, facéndoa coincidir coa chegada do bo tempo e pola proximidade da Semana Santa, unha época perfecta para que veciños e visitantes pasen máis tempo ao aire libre e poidan gozar dunhas praias na mellor das condicións, que son ademais dos principais atractivos do noso Concello”.

O rexedor recordou que son traballos que se fan periodicamente ao longo de todo o ano, de feito, “no inverno e tras os temporais, os operarios municipais xa foron retirando o lixo que se foi acumulando nos areais, uns traballos que loxicamente agora, pola época do ano na que estamos, intensificamos”.

O dispositivo foi planificado para actuar en todas as praias do Concello: O Torno, Cubelas, A Caosa, Rueta, e a da zona do Muelle.