31/03/2016. As plantacións para celebrar o día da árbore organizadas pola delegación municipal de medioa ambiente serán este venres tanto en San Ciprián como en Cervo debido as previsións meteorolóxicas para mañá.

As plantacións por parte duns 240 escolares de Infantil e Primaria organizadas pola Delegación de Medio Ambiente do Concello de Cervo para celebrar o Día da Árbore serán este venres tanto en San Ciprián como en Cervo debido ás intensas chuvias de hoxe e as previsións meteorolóxicas para mañá, xoves.
A concelleira de Medio Ambiente, Manuela Méndez, explicou hoxe que os alumnos e alumnas do CEIP de Cervo Número 1, de San Ciprián, plantarán árbores autóctonas nesa localidade, concretamente na zona da Ría, este venres, día 1 de abril, ás 10 e cuarto da mañá. E os escolares do CEIP de Cervo farán o propio na zona das Quintas o mesmo día ás 12 do mediodía.
Para esta actividade o Concello de Cervo conta co patrocinio da Fundación Alcoa, que cede as árbores que plantarán os alumnos e alumnas de Infantil e Primaria e tamén outras, ata preto de 5.000, que servirán para completar a repoboación de montes de propiedade municipal en Sargadelos, en San Román e noutras zonas que quedaron sen reforestar.