SAN CIPIRÁN CELEBRARÁ AS SÚAS FESTAS NA HONRA Á VIRXE DO CARME O 15 E O 16 DE XULLO
A cita propón moita música da man do grupo Zona Zero, a orquestra Los Player´s, o Grupo Arizona e un concerto tributo a Dire Straits, ademais da tradicional procesión da man da asociación Mar de San Ciprián
San Ciprián celebrará o próximo 15 e 16 de xullo as súas Festas na Honra da Virxe do Carme.
A cita, organizada polo Concello, foi presentada pola rexedora Dolores García Caramés, a concelleira Mali Méndez, os edís Alfredo Fernández e Adrián Arias, e por unha representación da asociación Mar de San Ciprián, que se encarga de organizar a procesión, de Mulleres de San Cipirán, que colabora coa decoración floral e de varios colaboradores da Festa e da asociación A Anxuela.
Os festexos arrincarán o luns 15, coa sesión vermú a cargo do Grupo Zona Zero, ás 14:00 horas.
Xa á noitiña, ás 21:00 horas terá lugar a tradicional procesión do Carme ata o peirao, organizada pola asociación Mar de San Cipirán e acompañada polo grupo de gaitas A Rebolaxe.
A continuación será a verbena na Praza dos Campos co Grupo Zona Zero e a orquestra Los Player´s.
O día grande, o martes 16, a misa está prevista para as 12:00 horas, no peirao, cantada pola Coral Terramar, ao remate haberá unha ofrenda floral na honra dos mariñeiros falecidos a cargo de Francisco Pernas.
A continuación será a procesión da Virxe ata a Igrexa Parroquial de Lieiro, organizada por Mar de San Ciprián, acompañada pola Banda da Misericordia.
Xa ás 14:00 horas será a sesión vermú co grupo Arizona que repetirá na verbena ás 22:00 horas, con Greats Straits, un concertó tributo a Dire Straits.
A alcaldesa quixo agradecer o esforzo e a implicación dos diferentes colectivos e veciños e veciñas que colaboran para facer posible a celebración desta Festa con tanto arraigo na nosa vila “que reforza esa identidade de vila mariñeira que caracteriza a San Ciprián, un pobo no que neses días se respira un especial sentimento festivo e de comunidade palpable en cada encontro familiar e entre amigos, e moi especialmente nese emotivo percorrido da Patroa polas rúas da vila engalanadas para a ocasión”.
A rexedora quixo convidar, do mesmo xeito, á veciñanza e visitantes a que desfruten destas dúas xornadas festivas coas que se pretende conectar con toda a sociedade, nas que a música, a diversión e os bos momentos entre a familia e os amigos están asegurados.