A PRAIA DO TORNO XA LOCE A BANDEIRA AZUL

 

A praia do Torno xa loce desde este mediodía a Bandeira Azul, un distintivo que recoñece a calidade das súas augas, dos servizos que presta e do seu compromiso coa conservación ambiental.

No acto oficial de izado participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; a concelleira Mali Méndez; e os edís Alfredo Fernández e Adrián Arias, acompañados por numerosos veciños e veciñas, representantes de diferentes asociacións do municipio e os socorristas que velarán pola seguridade dos areais cervenses durante os vindeiros meses.

A cerimonia estivo amenizada por música tradicional, creando un ambiente festivo para celebrar un recoñecemento que volve situar á praia do Torno como un referente de calidade no litoral galego.

A alcaldesa, destacou que "a Bandeira Azul é un orgullo para todo o municipio e o resultado dun traballo constante que realizamos ao longo de todo o ano para manter a praia do Torno nas mellores condicións". Neste senso, agradeceu "o esforzo e a implicación do persoal municipal, dos servizos de limpeza e mantemento, dos socorristas e tamén o comportamento exemplar dos usuarios da praia, porque conservar este distintivo é unha responsabilidade compartida".

Quixo lembrar tamén que, aínda que a praia do Torno é a única do municipio que conta co distintivo de Bandeira Azul, "todos os areais do noso concello destacan pola calidade das súas augas e pola beleza da súa contorna natural. Desde o Concello traballamos para que todas as praias estean nas mellores condicións durante todo o ano, ofrecendo espazos limpos, seguros e preparados para que veciños e visitantes poidan gozar delas con todas as garantías".

A rexedora aproveitou tamén para desexar "un excelente verán a veciños e visitantes, confiando en que gocen da nosa costa con responsabilidade e respecto polo medio natural".

Co izado da Bandeira Azul dáse oficialmente a benvida á tempada estival no municipio.