O SALÓN DE ACTOS DO CONCELLO ACOLLEU ESTE VENRES A ENTREGA DE ÁRBORES FROITEIRAS E AUTÓCTONAS DENTRO DO PEDIDO CONXUNTO MUNICIPAL
O número total de exemplares entregados nesta edición foi de 195 árbores
O salón de actos do Concello acolleu este mediodía o acto de entrega de árbores froiteiras e autóctonas ás persoas participantes no pedido conxunto impulsado polo Concello, unha iniciativa que se vén desenvolvendo de maneira continuada dende fai máis dunha década.
No acto estiveron presentes a alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, quen fixeron entrega dos exemplares ás veciñas e veciños adheridos a esta convocatoria.
Tal e como sinalaron durante o acto, con iniciativas como esta o Concello busca “facilitar á veciñanza o acceso a árbores de calidade para facer as súas fincas máis produtivas, ao tempo que se fomenta a plantación de especies que contribúen á protección do medio ambiente e á loita contra o cambio climático”.
A tramitación do pedido conxunto supón ademais un importante aforro económico para as persoas participantes. Nesta ocasión, solicitáronse 195 árbores, das cales 150 foron a raíz espida e 45 en maceta, correspondentes a especies moi variadas, entre elas maceiras, pereiras, cerdeiras ou castiñeiros.
En total, 23 persoas beneficiáronse desta iniciativa municipal, reafirmando o compromiso do Concello coa sustentabilidade, a conservación dos ecosistemas e o apoio ás prácticas agrícolas tradicionais e responsables.