O CONCELLO DE CERVO TEN EN MARCHA UN CURSO DE MONITOR DE TEMPO LIBRE NO QUE PARTICIPAN 11 MOZOS/AS

A iniciativa, que é de balde, enmárcase no programa “Avívate en Cervo VII” e está dirixida á rapazada maior de 18 anos

A rexedora, Dolores García Caramés, compartiu un anaco cos rapaces na Casa da Cultura

O Concello de Cervo ten en marcha este verán un curso de monitor de tempo libre gratuíto que se enmarca no programa Avívate en Cervo VII,  dirixido a rapaces e rapazas maiores de 18 anos.

A rexedora, Dolores García Caramés, compartiu un anaco cos 11 mozos/as que se inscribiron nesta edición, e coa súa monitora, Alicia, na Casa da Cultura, onde se desenvolven algunhas das actividades. 

Caramés puxo en valor a iniciativa que ano tras ano está a ter unha gran acollida e que “contribúe a dotar aos participantes da motivación e das habilidades precisas para o seu futuro, co obxectivo de contribuír a mellorar a súa empregabilidade nun mercado laboral cada vez máis competitivo”. 

O temario do curso inclúe actividades de manualidades, globoflexia, todo tipo de xogos, baile, e formación relativa á planificación de diferentes iniciativas de tempo libre.