O CONCELLO DE CERVO SERÁ SEDE DO CAMPIONATO GALEGO INFANTIL DE NATACIÓN OS DÍAS 21 E 22 DE FEBREIRO

A competición celebrarase na Piscina Municipal Olímpica

Reunirá a preto de 200 nadadores e nadadoras de arredor de 30 clubs galegos

 

O Concello de Cervo acollerá os días 21 e 22 de febreiro a celebración do Campionato Galego Infantil de Natación, proba integrada no calendario oficial da Federación Galega de Natación e considerada unha das citas máis relevantes no ámbito autonómico das categorías base.

O evento, que se desenvolverá na Piscina Municipal Olímpica, reunirá a preto de 200 nadadores e nadadoras pertencentes a arredor de trinta clubs de distintos puntos da Comunidade Autónoma. A competición estruturarase en catro sesións, desde as 10:00 horas, en horario de mañá e desde as 17:00 horas, en horario de tarde, ao longo da fin de semana.

A organización vai da man da Federación Galega de Natación e ao Club Natación Xove, co apoio do Concello de Cervo, do Concello de Xove e da Xunta de Galicia, nun marco de cooperación interadministrativa que pon de manifesto o compromiso compartido co fomento do deporte base e coa promoción de iniciativas deportivas de ámbito autonómico na comarca da Mariña, neste caso no noso Concello.

A presentación oficial do campionato tivo lugar nas instalacións municipais de Lieiro, coa participación da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; do concelleiro de Deportes, David Rodríguez; do presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Brión; do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro; e do presidente do Club Natación Xove, Alberto Pigueiras.

Durante o acto, a alcaldesa destacou a importancia de continuar reforzando o apoio institucional ao deporte formativo, así como de consolidar sinerxías entre administracións e entidades deportivas que permitan atraer ao municipio competicións de relevancia autonómica. Do mesmo xeito, subliñou que a celebración deste campionato contribúe a reafirmar a Piscina Municipal Olímpica como unha infraestrutura deportiva de referencia, como escenario perfecto para acoller eventos oficiais de alto nivel, tanto a nivel organizativo como técnico.

A previsión de asistencia de deportistas, persoal técnico e acompañantes suporá, ademais, un impulso para a dinamización económica do municipio durante a fin de semana, con incidencia moi positiva nos sectores da hostalaría, comercio e servizos do municipio.