O CONCELLO DE CERVO SERÁ O ESCENARIO DA II MINI BTT MEDELA MTB O VINDEIRO 29 DE SETEMBRO

O evento deportivo, que terá lugar nun circuíto habilitado no Polígono de Cuíña, está organizado polo Club Medela MTB, coa colaboración do Concello de Cervo

alcaldesa quixo agradecerlles aos rapaces do Club Medela a súa gran dedicación “xa que están a investir moitas horas do seu tempo para poder poñer en marcha iniciativas deste tipo conseguindo que Cervo sexa un escenario excepcional e un referente para a práctica do ciclismo e inculcando desde as idades máis temperás a importancia que ten actividade física no día a día”

As inscricións poden realizarse a través da web da Federación Galega de Ciclismo

O Concello de Cervo será o escenario da II mini btt medela mtb o domingo 29 de setembro a partir das 10:00 horas.

Este evento federado desenvolverase nun circuíto que foi deseñado e trazado nunha parcela municipal do Polígono de Cuíña que lle foi cedida ao club Medela MTB para o desenvolvemento da súa actividade.

A cita deportiva, organizada por este club de ciclismo coa colaboración do Concello de Cervo, foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés e polo presidente de Medela MTB, David Riera, que estiveron acompañados por un grupo de rapaces que integran o club nas súa categoría base, e que tamén competirán na cita prevista para finais deste mes.

Os participantes xa se poden inscribir ata o 26 de setembro na web da Federación Galega de Ciclismo nas categorías Promesa Fem., Promesa B, Promesa A, Principiante Fem., Principiante B, Principiante A, Benjamin Fem., Benjamin, Alevín Fem., Alevín, Infantil Fem. e Infantil.

Os pequenos que estean federados e interesados en inscribirse na proba poden facelo de xeito gratuíto e os non federados terán que abonar 5 euros. O número máximo de participantes está fixado en 250 corredores

A rexedora quixo agradecerlles aos rapaces do Club Medela, unha vez máis, a súa gran dedicación “xa que están a investir moitas horas do seu tempo para poder poñer en marcha iniciativas deste tipo conseguindo que Cervo sexa un escenario excepcional e un referente para a práctica do ciclismo e inculcando desde as idades máis temperás a importancia que ten actividade física no día a día”. Polo que desde o Concello –engadiu- “non podemos máis que poñernos á súa disposición e colaborar en todo canto está na nosa man, como sempre vimos facendo con todas as asociacións e colectivos que traballan polo dinamismo do noso municipio”. 

O Concello de Cervo anima a veciños e a visitantes a asistir e a participar nesta actividade que promove a actividade física, o deporte e a convivencia entre as crianzas, nunha aposta por fomentar un estilo de vida saudable.