O CONCELLO DE CERVO REFORZA A FORMACIÓN DO PERSOAL DA PISCINA MUNICIPAL EN SOPORTE VITAL BÁSICO E USO DO DESFIBRILADOR

O curso, homologado e adaptado ás recomendacións máis recentes en reanimación cardiopulmonar e desfibrilación, combina contidos teóricos e prácticos orientados a manter e reforzar as competencias dos participantes no manexo do desfibrilador e na aplicación dos protocolos de actuación ante unha parada cardiorrespiratoria.

O Concello de Cervo impartiu unha acción formativa de reciclaxe e actualización no uso do desfibrilador externo semiautomático (DESA), dirixida ao persoal da Piscina Municipal, co obxectivo de reforzar a súa preparación para actuar con eficacia ante posibles situacións de emerxencia.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata unha das sesións prácticas para coñecer de primeira man o desenvolvemento do curso e salientar a importancia de contar con profesionais formados e permanentemente actualizados en materia de primeiros auxilios e soporte vital básico.

García Caramés destacou que “a formación continua é fundamental para garantir unha resposta rápida e eficaz ante unha emerxencia sanitaria, especialmente en instalacións deportivas e de lecer que reciben cada día a numerosas persoas de diferentes idades”. Neste sentido, incidiu en que “a capacidade de reacción nos primeiros minutos pode resultar determinante para salvar unha vida”.

O curso, homologado e adaptado ás recomendacións máis recentes en reanimación cardiopulmonar e desfibrilación, combina contidos teóricos e prácticos orientados a manter e reforzar as competencias dos participantes no manexo do desfibrilador e na aplicación dos protocolos de actuación ante unha parada cardiorrespiratoria.

A formación está actualizada conforme ás últimas guías en soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática, e conta coa acreditación oficial da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES) e da Sociedade Española de Reanimación Cardiopulmonar (SERCP), entidades de referencia na promoción da formación en emerxencias e na difusión das mellores prácticas para aumentar a supervivencia ante unha parada cardiorrespiratoria.

Desde o Concello de Cervo subliñan que este tipo de iniciativas contribúen a mellorar a seguridade das instalacións municipais e a ofrecer un servizo de maior calidade á veciñanza, garantindo que o persoal dispoña dos coñecementos e das habilidades necesarias para actuar con rapidez, seguridade e eficacia en situacións críticas.

Aposta pola cardioprotección en todo o municipio

A realización deste curso enmárcase tamén na aposta do Concello de Cervo por converter os seus edificios e instalacións municipais en espazos cardioprotexidos. Na actualidade, contan con desfibrilador externo semiautomático (DESA) a Casa do Concello, a Casa da Cultura, a nave municipal de obras, o CEIP Península da Paz, o IES Marqués de Sargadelos, a Piscina Olímpica Municipal, a Escola Infantil Municipal (situada na Casa do Mar), o campo de fútbol e o pavillón da Veiga.

Ademais, o Concello dispón dun DESA instalado nun vehículo municipal para facilitar unha resposta rápida ante posibles emerxencias en calquera punto do municipio e, durante a tempada de baño, doutro dispositivo na praia do Torno. A esta rede de espazos cardioprotexidos súmanse tamén os desfibriladores situados no Centro de Día e na Residencia de Maiores, así como o equipo propio co que conta o CEIP de Cervo.

Desde o Goberno local continúan traballando para ampliar progresivamente esta cobertura, co obxectivo de que os locais sociais municipais conten tamén con cadanseu desfibrilador nos vindeiros meses, reforzando así a seguridade e a capacidade de resposta ante emerxencias en todo o termo municipal.