O CONCELLO DE CERVO REFORZA A COLABORACIÓN CO SECTOR APÍCOLA PARA COMBATER A VELUTINA
Na reunión deste luns fíxose entrega de produto atraente de balde para loitar contra as raíñas na primavera
O Concello de Cervo convocou para este luns un encontro coas persoas apicultoras do municipio co obxectivo de analizar en profundidade a situación actual da avespa velutina, así como o seu impacto nas colmeas e na produción apícola local.
Durante a xuntanza, na que participou a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, púxose en común a evolución da praga nos últimos meses, así como as principais preocupacións do sector, facendo fincapé na necesidade de continuar impulsando medidas preventivas e de control que contribúan a minimizar os danos provocados por esta especie invasora. Neste sentido, dende o Goberno local subliñaron a importancia de manter unha comunicación directa e constante coas persoas apicultoras, co fin de dar resposta ás súas necesidades e apoiar o seu traballo.
Tal e como explicou, “dende o Concello seguimos traballando da man das persoas apicultoras porque somos plenamente conscientes da importancia do seu labor e do impacto que a velutina está a ter nas súas explotacións”. Así mesmo, engadiu que “é fundamental actuar na primavera, que é o momento clave para frear a expansión da praga, e por iso reforzamos esta campaña de entrega de atraentes”.
Méndez tamén puxo en valor o traballo realizado nos últimos anos, destacando que “levamos desenvolvendo esta iniciativa dende o ano 2017, e grazas á colaboración co sector conseguimos mellorar a resposta fronte á velutina”. Ademais, incidiu en que “imos seguir escoitando ás persoas afectadas e adaptando as medidas ás súas necesidades para que sexan o máis eficaces posible”.
Precisamente, no marco desta reunión celebrada este luns, procedeuse á entrega de produto atraente de balde ás persoas asistentes, co obxectivo de actuar de maneira directa sobre as raíñas durante a primavera, período clave no ciclo desta especie. Esta actuación resulta fundamental para reducir a formación de novos niños nos meses posteriores e, en consecuencia, limitar a expansión da praga no territorio.
Dende o Concello de Cervo reiteramos así o noso compromiso co sector apícola e co medio natural, e continuaremos traballando de maneira coordinada coas persoas afectadas para implementar medidas como esta que contribúen a combater a velutina de forma eficaz e sostida no tempo.