O CONCELLO DE CERVO RECIBE AOS CATRO PARTICIPANTES MARIÑÁNS DO CHATARRAS RAID, QUE AFRONTARÁN UN RETO SOLIDARIO POLO DESERTO DE MARROCOS
A expedición está formada polo noso veciño José Ángel Sánchez, xunto con Aitor Gómez, e as súas parellas María Inés Vázquez e Lara Rodríguez, que se preparan para afrontar esta experiencia que combina motor, aventura e solidariedade.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro Adrián Arias recibiron hoxe no Concello aos catro participantes mariñáns que tomarán parte no Chatarras Raid, unha aventura automobilística que os levará a percorrer arredor de 1.600 quilómetros polo deserto de Marrocos, que conta coa colaboración do Concello de Cervo.
A expedición está formada polo noso veciño José Ángel Sánchez, xunto con Aitor Gómez, e as súas parellas María Inés Vázquez e Lara Rodríguez, que se preparan para afrontar esta experiencia que combina motor, aventura e solidariedade.
O reto comezará este xoves 29 de outubro, coa viaxe cara a Tánxer, punto de partida do percorrido, que rematará en Marrakech o próximo 6 de novembro.
Os participantes percorrerán o territorio marroquí a bordo de dous vehículos antigos, un Volkswagen New Beetle de 1999, que xa os acompañou nesta aventura no ano 2024, e un Passat de 23 anos; nunha proba que reúne arredor de 250 coches e na que a resistencia dos automóbiles, a orientación e a capacidade para superar as dificultades do terreo serán fundamentais.
O Chatarras Raid destaca tamén polo seu carácter solidario. Os equipos participantes colaboran coa entrega de material e produtos de primeira necesidade destinados a iniciativas humanitarias.
Neste sentido, o Concello de Cervo fixo entrega hoxe aos catro mariñáns de alimentos non perecedoiros para contribuír a esta acción.
Desde o Concello desexámoslles moita sorte nesta nova aventura, na que levarán consigo o nome de Cervo e da Mariña, e agradecemos o seu compromiso cunha iniciativa que une a paixón polo motor coa solidariedade.