O CONCELLO DE CERVO RECIBE AO TENIS DE MESA C.D. SAN CIPRIÁN POLO SEU ASCENSO A SEGUNDA NACIONAL
O conxunto sancibrense completou unha brillante tempada, na que competiu por cuarto ano consecutivo na categoría de Terceira Nacional, acadando o primeiro posto da clasificación e certificando así o salto á Segunda Nacional, un fito que consolida o excelente traballo desenvolvido polo club nos últimos anos.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e o concelleiro Alfredo Fernández, recibiron na Casa do Concello ao equipo e ao corpo técnico da sección de tenis de mesa do C.D. San Ciprián para felicitalos polo histórico ascenso a Segunda Nacional, logrado tras proclamarse campións do Grupo Norte de Terceira Nacional.
O conxunto sancibrense completou unha brillante tempada, na que competiu por cuarto ano consecutivo na categoría de Terceira Nacional, acadando o primeiro posto da clasificación e certificando así o salto á Segunda Nacional, un fito que consolida o excelente traballo desenvolvido polo club nos últimos anos.
A alcaldesa quixo destacar “o esforzo, a constancia e o compromiso demostrados por todo o equipo ao longo da tempada, levando o nome de Cervo por toda a xeografía do norte peninsular e converténdose nun exemplo de superación e dedicación”.
Dolores García Caramés tamén puxo en valor o labor que realiza o club coa base, fomentando a práctica deportiva entre os máis novos e contribuíndo á formación de futuras xeracións de deportistas.
Como mostra de recoñecemento por este importante logro deportivo, a alcaldesa fixo entrega ao club dun prato institucional personalizado de cerámica de Sargadelos, desexándolles moitos éxitos nesta nova etapa en Segunda Nacional.
A sección de tenis de mesa do C.D. San Ciprián comezou a participar en competicións no ano 1993 e, tras un longo parón, retomou a actividade competitiva en 2018. Desde entón, o seu crecemento foi constante, acadando primeiro o ascenso a Terceira Nacional e culminando agora cun novo éxito deportivo ao proclamarse campión do Grupo Norte e ascender a Segunda Nacional.