O CONCELLO DE CERVO PROGRAMA UNHA NOVA EDICIÓN DE CERVO CONCILIA PARA ESTE VERÁN

A iniciativa de conciliación familiar, enmarcada no programa Corresponsables en Cervo, está dirixida ás crianzas de entre 3 e 12 anos, e dará comezo o luns 23 de xuño ata o 5 de setembro (ambos incluídos)
O prazo de inscrición ábrese este xoves e remata o 16 de xuño
O Concello de Cervo programa para este verán unha nova edición do programa “Cervo Concilia”, que arrincará o luns 23 de xuño.
Este programa municipal totalmente gratuíto, está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e componse dun completo calendario de actividades multidisciplinares, educativas e lúdicas, adaptadas ás diferentes franxas de idade, pensadas fundamentalmente para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante os meses de verán; pero tamén para entreter ás crianzas neste tempo de lecer, sen deixar de lado a aprendizaxe.
Prolongarase durante todo o período de vacacións escolares, en horario de 8:30 a 14:30 horas.
As inscricións están a disposición das familias na Casa da Cultura de San Ciprián e na Casa do Concello. O prazo para anotarse remata o 16 de xuño.
Tal e como apunta a rexedora, Dolores García Caramés: “con este programa, tan arraigado xa no noso Concello, buscamos dar resposta ás necesidades das familias durante o período estival, ofrecendo un espazo educativo, divertido e seguro para as crianzas mentres os pais e nais traballan”. É pois –engadiu- unha aposta decidida pola conciliación e pola igualdade de oportunidades, garantindo que todas as familias de Cervo teñan acceso a este servizo sen custo ningún”.