O CONCELLO DE CERVO PON EN VALOR O GALEGO DE WATERPOLO QUE REUNIU A MÁIS DE 100 CRIANZAS ESTA FIN DE SEMANA

Durante estas xornadas, as instalacións cervenses convertéronse no epicentro do waterpolo base galego, nun encontro marcado pola deportividade, a convivencia e a ilusión dos máis pequenos por este deporte.

O Concello de Cervo destaca o gran ambiente vivido durante a fin de semana na piscina municipal de Lieiro, onde se disputou o Campionato Galego Alevín Mixto de Verán de Waterpolo, unha cita deportiva que congregou a máis de 100 nenos e nenas chegados de diferentes clubs galegos.

Durante estas xornadas, as instalacións cervenses convertéronse no epicentro do waterpolo base galego, nun encontro marcado pola deportividade, a convivencia e a ilusión dos máis pequenos por este deporte.

O campionato rematou coa vitoria do CW Santiago A, seguido do RCN de Vigo A na segunda posición e o CW As Mariñas no terceiro posto. A cuarta praza foi para o Club Waterpolo Rías Altas.

Na entrega de medallas e recoñecementos participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; o concelleiro de Deportes, David Rodríguez; e o edil de Emprendemento, Adrián Arias, xunto ao presidente da Federación Galega de Natación, Juan Carlos Carroa Brión.

Desde o Concello de Cervo queren agradecer á Federación Galega de Natación, aos clubs participantes, ao persoal técnico, ás familias e a todas as persoas implicadas na organización o seu traballo e colaboración para facer posible esta competición.

A alcaldesa destacou “a importancia de que Cervo siga acollendo eventos deportivos deste nivel, que non só fomentan hábitos saudables e valores entre a mocidade, senón que tamén xeran convivencia e dinamizan o noso municipio”.

O Concello reafirma así o seu compromiso co deporte base e coa promoción das súas instalacións como espazos para acoller competicións e actividades que poñen en valor o talento deportivo galego.