O CONCELLO DE CERVO PARTICIPOU ESTE MÉRCORES NO ACTO “UN ANO ESTIONANDO O NOSO LITORAL” ORGANIZADO POLA XUNTA DE GALICIA EN MUXÍA

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, participou este mércores en Muxía no acto organizado pola Xunta de Galicia baixo o lema "1 ano xestionando o noso litoral", unha xornada na que distintos representantes municipais compartiron a súa experiencia tras o primeiro ano da asunción por parte da administración autonómica das competencias de xestión do litoral.

 

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou na súa intervención que a xestión galega do litoral achega "axilidade, proximidade e coordinación" para impulsar proxectos estratéxicos como a Carpintería de Ribeira de Francisco Fra no noso municipio

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, participou este mércores en Muxía no acto organizado pola Xunta de Galicia baixo o lema "1 ano xestionando o noso litoral", unha xornada na que distintos representantes municipais compartiron a súa experiencia tras o primeiro ano da asunción por parte da administración autonómica das competencias de xestión do litoral.

Durante a súa intervención, a rexedora cervense puxo como exemplo o proxecto da Carpintería de Ribeira de Francisco Fra, en San Ciprián, como mostra do potencial que ten unha xestión máis próxima para impulsar iniciativas de conservación do patrimonio marítimo e cultural.

García Caramés lembrou que en San Ciprián se mantén viva a única carpintería de ribeira en activo da provincia de Lugo e unha das poucas que continúan desenvolvendo este oficio tradicional en Galicia, unha actividade con máis de dous séculos de historia que constitúe un patrimonio cultural, etnográfico e marítimo de enorme valor.

Neste sentido, explicou que o Concello leva anos traballando para facer realidade un Museo da Carpintería de Ribeira, un proxecto que permitirá recuperar un espazo do dominio público marítimo-terrestre para conservar, divulgar e poñer en valor este oficio tradicional, integrándoo ademais como un recurso vencellado ao Camiño do Litoral ao seu paso por Cervo.

A alcaldesa destacou tamén o labor que desenvolve a Fundación Estaleiros Fra Carpinteiro de Ribeira, recentemente declarada de interese galego, coa que o Concello comparte o obxectivo de garantir que a carpintería de ribeira continúe sendo un patrimonio vivo e un sinal de identidade de Cervo e de Galicia.

Precisamente, García Caramés incidiu en que a proximidade na xestión do litoral está a traducirse nunha maior axilidade administrativa e nunha mellor coordinación entre administracións, un aspecto que cualificou como especialmente positivo durante este primeiro ano.

Así, explicou que o Servizo do Litoral da Xunta asesorou ao Concello en numerosas ocasións durante a tramitación de expedientes, resolvendo dúbidas técnicas e orientando na aplicación da normativa, un acompañamento que permitiu afrontar os procedementos "con maior seguridade xurídica e cunha comunicación moito máis directa e áxil".

A rexedora sinalou que os concellos son a administración máis próxima ao territorio, pero subliñou que resulta igualmente fundamental contar cun interlocutor accesible na Xunta que coñeza a realidade do litoral galego. "Esa colaboración está a resultar moi positiva e é un dos aspectos máis destacados deste primeiro ano de aplicación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral", afirmou.

Durante a súa intervención, Dolores García Caramés reiterou tamén o compromiso do Concello coa recuperación e transmisión deste oficio tradicional, lembrando que a mellor forma de conservar este patrimonio é mantelo vivo, favorecendo a construción de embarcacións, a formación de novas xeracións e a creación dunha futura escola de carpintería de ribeira.

A alcaldesa concluíu destacando que cando as administracións colaboran e traballan de forma coordinada, quen realmente se beneficia é o territorio e a cidadanía, unha filosofía que, ao seu xuízo, está a permitir avanzar con maior eficacia en proxectos estratéxicos para o futuro do litoral galego.