O CONCELLO DE CERVO MELLORA A REDE VIARIA DO LUGAR DE TRASBAR CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 112.000 EUROS DE FONDOS PROPIOS
A actuación permitirá renovar o firme nun ámbito de 5.342 metros cadrados, dando resposta ao deterioro que presenta actualmente o pavimento e mellorando tanto a seguridade viaria como a comodidade dos usuarios.
O Concello de Cervo acomete estes días unha importante actuación de mellora da rede viaria no lugar da Estivada, en Trasbar, na parroquia de Castelo, cun investimento de 112.330 euros, financiado integramente con fondos propios municipais.
A actuación permitirá renovar o firme nun ámbito de 5.342 metros cadrados, dando resposta ao deterioro que presenta actualmente o pavimento e mellorando tanto a seguridade viaria como a comodidade dos usuarios.
As obras inclúen a limpeza e perfilado de cunetas, o desatasco das tajeas de PVC existentes e a substitución das que se atopan en mal estado por novos colectores de PVC. Ademais, executarase a limpeza da vía, o fresado nas zonas de unión con outros camiños e accesos a vivendas e parcelas, a aplicación dun rego de adherencia e a extensión dunha nova capa de mestura bituminosa en quente de entre 5 e 7 centímetros de espesor, segundo as características de cada zona. Tamén se procederá á posta á cota de tapas de pozos e arquetas dos distintos servizos.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, supervisou a actuación acompañada do edil de Zona Rural, Adrián Arias, e da pedánea de Trasbar Marina Díaz, e subliñou que "seguimos investindo con recursos propios para mellorar as infraestruturas municipais e ofrecer aos nosos veciños vías máis seguras, cómodas e en mellores condicións. Este tipo de actuacións son fundamentais para conservar o patrimonio viario do Concello e dar resposta ás necesidades do día a día da veciñanza".
A rexedora destaca tamén que "esta obra permitirá prolongar a vida útil do firme, mellorar a drenaxe da auga da chuvia e incrementar a seguridade da circulación nunha zona moi utilizada polos residentes, contribuíndo ademais a mellorar a imaxe do lugar".
Con esta intervención, o Concello de Cervo continúa desenvolvendo o seu plan de conservación e mellora da rede viaria municipal, apostando por actuacións que redundan na calidade dos servizos públicos e no benestar da veciñanza.