O CONCELLO DE CERVO MELLORA AS INFRAESTRUTURAS E A PAVIMENTACIÓN NA PISTA DE PEDROSA A VILADESUSO
A actuación supón un orzamento de algo máis de 250.000 euros, dos cales 22.000 corresponden ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, e o restante son fondos municipais
O Concello de Cervo está a executar unha actuación integral na pista que vai de Pedrosa a Viladesuso, na parroquia de Cervo, coa finalidade de mellorar tanto os servizos básicos como o estado e a accesibilidade deste vial da zona rural cun investimento de 257.198,71 euros, dos cales algo máis de 230.000 euros proceden das arcas municipais, que se completan cunha axuda do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.
A actuación foi supervisada este mediodía pola alcaldesa, Dolores García Caramés; o concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias; e o pedáneo da parroquia de Cervo, Rubén Fernández, que comprobaron sobre o terreo o avance dos traballos.
A intervención contempla a renovación das redes de saneamento e abastecemento de auga, incluíndo as acometidas domiciliarias, así como a posterior renovación integral da pavimentación da calzada. O proxecto tamén prevé a instalación de hidrantes e bocas de rego, co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade e facilitar as tarefas de mantemento.
Os traballos afectan a un tramo do vial municipal que constitúe a base do núcleo de Viladesuso. A intervención permitirá mellorar as dotacións básicas e recuperar este espazo público como un lugar de maior calidade, cómodo e accesible, mantendo ao mesmo tempo o carácter rural do contorno.
A renovación da rede de abastecemento realizarase mediante novas canalizacións de polietileno e incluirá a substitución das acometidas domiciliarias. Pola súa banda, a nova rede de saneamento executarase con tubaxes de PVC e tamén se renovarán as conexións ás vivendas.
Unha vez executadas as novas infraestruturas, procederase á reposición do firme e á pavimentación de todo o ancho da vía afectada, garantindo unha mellora integral do vial.
A alcadesa sinalou que “esta actuación responde a unha das prioridades do Concello, que é seguir mellorando os servizos e as infraestruturas das nosas parroquias e núcleos rurais”. Neste sentido, destacou que “non se trata só de renovar un firme, senón de actuar previamente sobre as redes de abastecemento e saneamento para deixar resoltas unhas infraestruturas básicas que son fundamentais para a veciñanza”.
García Caramés subliñou tamén que “desde o Goberno municipal seguimos mantendo un importante esforzo inversor na zona rural, porque queremos que as persoas que viven nas nosas parroquias conten con servizos e espazos públicos en boas condicións, sen perder nunca a identidade e o carácter propio destes lugares”.
Puxo en en valor, así mesmo, a importancia de “actuar de maneira integral, aproveitando a renovación das redes para acometer tamén a mellora completa da pavimentación e evitar así intervencións sucesivas sobre o mesmo vial”.