O CONCELLO DE CERVO MELLORA A EFICIENCIA ENERXÉTICA DA CASA DO MAR COA INSTALACIÓN DUNHA CALDEIRA DE BIOMASA

Un proxecto cun custo total de 74.170,81 € (sen IVE), que conta cunha subvención máxima de 48.000 € da Xunta de Galicia, a través do INEGA, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU
 

O Concello de Cervo vén de acometer traballos de mellora da eficiencia enerxética da Casa do Mar,  un proxecto cun custo total de 74.170,81 € (sen IVE), que conta cunha subvención máxima de 48.000 € da Xunta de Galicia, a través do INEGA, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
 

A actuación consistiu na retirada da antiga caldeira de gasóleo, instalada no ano 1990, e a súa substitución por dúas caldeiras en tándem de biomasa (pellets), coa instalación dos correspondentes silos de almacenaxe. Ademais, acometeuse unha reforma integral da sala de máquinas, incorporando sistemas de ventilación e regulación máis eficientes, circuladoras de alta eficiencia, contadores de enerxía e medidas de protección contra incendios, todo en consonancia coas esixencias do RITE 2019 e do CTE-DB-SI.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, achegouse ata o edificio para supervisar a actuación e destacou que a obra “supón un paso moi importante para mellorar as instalacións da Casa do Mar, reducindo consumos enerxéticos e apostando por unha fonte renovable como a biomasa, que é máis sostible e respectuosa co medio ambiente”.

Engadiu tamén que “a Casa do Mar é un espazo fundamental para a vida social de Cervo: nela atópase a escola infantil, celébranse actividades deportivas e culturais e serve de punto de encontro para diferentes asociacións do municipio. Con esta mellora garantimos un servizo máis eficiente e un maior confort para todas as persoas usuarias”.

Con este proxecto, o Concello de Cervo dá un novo paso na súa aposta pola eficiencia enerxética e pola sostibilidade, modernizando un edificio municipal clave.