O CONCELLO DE CERVO INICIA AS OBRAS DA NOVA REDE DE SANEAMENTO E DEPURACIÓN NO NÚCLEO DE AS CABANAS, EN RÚA

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou o inicio das obras para a instalación dunha nova rede de saneamento e dun sistema de depuración autónoma no núcleo de As Cabanas, na parroquia de Rúa, acompañada polo concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e polo pedáneo de Rúa, Ramón Elemparte.

 

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou o inicio das obras para a instalación dunha nova rede de saneamento e dun sistema de depuración autónoma no núcleo de As Cabanas, na parroquia de Rúa, acompañada polo concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e polo pedáneo de Rúa, Ramón Elemparte.

Esta actuación, cofinanciada pola Xunta de Galicia, e que supón un investimeto de preto de 50.000 euros, permitirá dotar ao núcleo dunha infraestrutura básica fundamental, mellorando o tratamento das augas residuais e contribuíndo á protección ambiental e á calidade de vida da veciñanza.

O proxecto contempla a execución dunha nova rede de saneamento que conducirá as augas residuais ata unha depuradora autónoma, adaptada ás características e necesidades do núcleo rural, unha solución técnica que permitirá ofrecer un servizo máis eficiente e sostible.

A rexedora destacou que "seguimos avanzando no noso compromiso de levar os servizos básicos a todos os núcleos do municipio, independentemente do seu tamaño. O saneamento é unha infraestrutura esencial para garantir a calidade de vida da veciñanza e para contribuír á conservación do noso medio natural".

A alcaldesa incidiu tamén en que "o noso obxectivo é continuar ampliando e mellorando a rede municipal de servizos básicos, porque entendemos que todos os veciños e veciñas deben dispoñer das mesmas oportunidades e das mesmas prestacións, vivan onde vivan".

A alcaldesa agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia para facer posible esta actuación, subliñando que "a cooperación entre administracións resulta fundamental para seguir impulsando investimentos que repercutan directamente no benestar da cidadanía e na modernización das infraestruturas municipais".

As obras enmárcanse na aposta do Concello por continuar mellorando os servizos no rural, reforzando as infraestruturas básicas e avanzando nun modelo de desenvolvemento sostible que contribúa á protección do medio ambiente e á fixación de poboación no territorio