O CONCELLO DE CERVO IMPULSA A CREACIÓN DUN BOSQUE AUTÓCTONO EN RÍO COBO COA PARTICIPACIÓN DO ALUMNADO DO IES MARQUÉS DE SARGADELOS

Na actividade participou o alumnado de 2º da ESO do IES Marqués de Sargadelos, que colaborou activamente nas tarefas de plantación, coñecendo de primeira man a importancia da conservación do medio natural e da biodiversidade.

O Concello de Cervo desenvolveu unha actividade de plantación de especies autóctonas nunha parcela municipal situada en Río Cobo, coa que se continúa avanzando na recuperación ambiental e na creación de novos espazos verdes de alto valor ecolóxico no municipio.

A actuación levouse a cabo nunha finca na que previamente se retiraran exemplares de eucalipto para favorecer a recuperación da vexetación propia da zona. Neste contexto, procedeuse á plantación dunha trintena de árbores autóctonas, entre as que se atopan bidueiros, carballos, freixos, acivros e pradairos, contribuíndo así á creación dun novo bosque autóctono nunha contorna moi próxima ao núcleo urbano.

Na actividade participou o alumnado de 2º da ESO do IES Marqués de Sargadelos, que colaborou activamente nas tarefas de plantación, coñecendo de primeira man a importancia da conservación do medio natural e da biodiversidade.

A xornada contou tamén coa presenza da alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés; da concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez; e do responsable municipal de Xardinería, Óscar Bello, que acompañaron aos estudantes durante toda a actividade.

Esta iniciativa estaba inicialmente programada para celebrarse durante a Semana do Medio Ambiente, pero tivo que ser aprazada debido ás condicións meteorolóxicas adversas rexistradas naquela data, trasladándose finalmente a este final de curso.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que “accións coma esta permiten avanzar cara a un concello máis sostible, recuperando espazos con especies propias do noso territorio que favorecen a biodiversidade, melloran a paisaxe e contribúen á conservación do medio natural”.

A rexedora subliñou ademais que “desde o Concello apostamos por reforestar todas aquelas parcelas municipais nas que sexa posible, substituíndo especies invasoras ou menos axeitadas por árbores autóctonas que forman parte da nosa identidade ambiental”.

Caramés quixo poñer en valor tamén a implicación da comunidade educativa neste tipo de iniciativas: “É fundamental contar coa participación dos máis novos. Actividades como esta permiten sensibilizar ao alumnado sobre o coidado da natureza e convertelos en protagonistas da protección do noso patrimonio natural. A colaboración dos centros educativos é clave para construír unha conciencia ambiental sólida de cara ao futuro”