O CONCELLO DE CERVO ENXALZA O LABOR ALTRUÍSTA DA PROTECTORA DE ANIMAIS COLETIÑAS EN DEFENSA DO DEREITO ANIMAL

A Administración local tende a man a esta asociación no que precisen, á que lle ten cedido o refuxio municipal de Cuíña e á que destina unha axuda económica directa anual para facilitar a súa actividade en prol do benestar animal

A alcaldesa quixo poñer en valor o importante papel das persoas voluntarias “que dedican moitas horas do seu tempo a atender e coidar a estes animais abandonados sen agardar nada a cambio”

Desde Coletiñas agradecen calquera tipo de colaboración voluntaria que poida contribuír a mellorar a calidade de vida dos animais e o seu traballo diario

As persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Protectora a través do teléfono 623 23 59 15

 

A alcaldesa, Dolores García Caramés, mantivo unha reunión de traballo con Irene García, da Asociación Protectora de Animais Coletiñas, na Casa do Concello, durante a que rubricaron tamén un convenio de colaboración que ratifica o compromiso do Concello de Cervo co benestar animal.

A rexedora quixo poñer en valor o importantísimo labor que desempeñan as persoas voluntarias da Protectora, tanto na atención directa e coidado dos animais, como á hora de divulgar esa mensaxe de concienciación e responsabilidade entre a cidadanía.

Tal e como precisou a alcaldesa o benestar animal é un tema que preocupa e co que este equipo de Goberno está sensibilizado; por iso nos orzamentos municipais seguimos reservando cada ano, desde a fundación deste colectivo, unha contía importante para contribuír a garantir a súa protección “xa que consideramos que desde Coletiñas fan un labor altruísta fundamental para a comunidade en defensa do dereito animal”.

Na reunión afondaron no traballo feito nestes últimos meses centralizado no refuxio municipal que lles foi cedido e que está situado no Polígono de Cuíña, e valoraron as necesidades de cara ao futuro próximo.

Neste senso, desde Coletiñas agradecen calquera tipo de colaboración voluntaria que poida contribuír a mellorar a calidade de vida dos animais e o seu traballo diario.

As persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Protectora a través do teléfono 623 23 59 15.