O CONCELLO DE CERVO ENTREGA OS PREMIOS DO CERTAME FOTOGRÁFICO "CERVO RESPECTA" E RECOÑECE O COMPROMISO CO MEDIO AMBIENTE

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, foron as encargadas de entregar os premios, consistentes en figuras de cerámica de Sargadelos, ás persoas premiadas.

O Concello de Cervo celebrou o acto de entrega dos premios do XVI certame fotográfico  “Cervo Respecta", organizado con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, unha iniciativa que ten como obxectivo promover a sensibilización ambiental e poñer en valor a riqueza paisaxística e natural do municipio a través da fotografía.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e a concelleira de Medio Ambiente, Mali Méndez, foron as encargadas de entregar os premios, consistentes en figuras de cerámica de Sargadelos, ás persoas premiadas.

O recoñecemento Top Cervo foi para a fotografía "Solpor", de Raquel López Blanco, que foi a que mellor puntuación tivo do xurado como fotografía na que se recoñece algún lugar pertencente ao Concello de Cervo.

O primeiro premio recaeu en "Atrapeite..., ou non", de Carlos Sanjurjo Lastra, mentres que o segundo premio foi para "Picudo Rojo", de Germán Paleo Navarro. Ademais, concedeuse unha mención especial á asociación Saúde Mental A Mariña, polo seu compromiso coa protección do medio ambiente e por participar sempre en todas as actividades que se promoven desde a administración local.

A alcaldesa felicitou ás persoas premiadas e agradeceu a participación de todas as persoas que presentaron os seus traballos, que foron 37 fotografías en total.

"Este certame demostra que contamos cun patrimonio natural excepcional e cunha veciñanza que sabe observalo, valoralo e transmitilo a través da fotografía. Cada imaxe é unha invitación a coidar o noso entorno e a seguir apostando pola conservación do medio ambiente", destacou, incidindo na importancia de manter iniciativas como esta. 

"Cervo Respecta" é xa un certame consolidado que nos permite unir arte e sensibilización ambiental. A través destas fotografías conseguimos que moitas persoas descubran a beleza da nosa contorna, e reflexionen sobre a necesidade de protexela para as xeracións futuras", sinalou.

 

Desde o Concello de Cervo agradecen a implicación de todas as persoas participantes e animan á veciñanza a seguir colaborando nas diferentes actividades de educación e sensibilización ambiental que se desenvolven ao longo do ano.