O CONCELLO DE CERVO ENTREGA Á ARMADA A HISTÓRICA MINA DA II GUERRA MUNDIAL PARA A SÚA RESTAURACIÓN E RECOLLE A RÉPLICA QUE OCUPARÁ O SEU LUGAR PROVISIONALMENTE

Durante a visita tamén recolleron a réplica da peza, que será instalada nos vindeiros días no monumento á Armada, no seu emprazamento habitual, mentres duren os traballos de recuperación do artefacto orixinal.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, o concelleiro Alfredo Fernández e o presidente da asociación Mar de San Ciprián, Moncho Rivas, desprazáronse hoxe ao Arsenal de Ferrol para facer entrega á Armada da histórica mina submarina da II Guerra Mundial situada na zona de Miramar, na Pena Meá, onde será sometida a un proceso de restauración e conservación.

Durante a visita tamén recolleron a réplica da peza, que será instalada nos vindeiros días no monumento á Armada, no seu emprazamento habitual, mentres duren os traballos de recuperación do artefacto orixinal.

Esta actuación, impulsada polo Concello de Cervo e pola Asociación Mar de San Ciprián, permitirá garantir a conservación dun dos elementos patrimoniais máis singulares da localidade. A mina forma parte do monumento á Armada inaugurado en 1967 e chegou á costa de San Ciprián en decembro de 1965, arrastrada polas correntes e os temporais. Tras ser desactivada pola Armada, foi instalada na Pena Meá como recordo dun episodio histórico moi presente na memoria colectiva da vila.

A alcaldesa destacou que "esta actuación supón un paso moi importante para preservar un dos símbolos máis recoñecibles do noso patrimonio histórico e marítimo. Grazas á colaboración da Armada poderemos recuperar e conservar esta peza nas mellores condicións, garantindo que continúe formando parte da nosa identidade colectiva".

Dolores García Caramés quixo agradecer tamén "a implicación da Asociación Mar de San Ciprián e a excelente disposición da Armada, moi especialmente do Almirante Xefe do Arsenal Militar de Ferrol, D. Vicente Rubio Bolivar, e do Comandante D. José Manuel de Mata Hervás, para facer posible este proxecto, así como o traballo coordinado que permitirá que a cidadanía siga contando cunha réplica da mina no monumento mentres se executa a restauración da peza orixinal".