O CONCELLO DE CERVO E MAR DE SAN CIPRIÁN IMPULSAN A RESTAURACIÓN DA HISTÓRICA MINA DA II GUERRA MUNDIAL INSTALADA NA ZONA DE MIRAMAR, EN SAN CIPRIÁN

A mina forma parte do monumento á Armada inaugurado en 1967. O artefacto chegou á costa de San Ciprián en decembro de 1965, arrastrado polas correntes e os temporais. Tras ser desactivada pola Armada, foi instalada na Pena Meá como recordo dun episodio histórico moi presente na memoria colectiva da vila.

O Concello de Cervo e a Asociación Mar de San Ciprián deron un paso decisivo para garantir a conservación dun dos elementos patrimoniais máis singulares da localidade: a histórica mina submarina da II Guerra Mundial situada na zona de Miramar, na Pena Meá, no monumento á Armada. A actuación permitirá restaurar esta peza emblemática, que será trasladada ao Arsenal de Ferrol, onde a Armada levará a cabo os traballos de recuperación e conservación. Durante este período deixarase unha reprodución provisional no seu emprazamento habitual.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, supervisou esta mañá os traballos de retirada da mina, realizados con medios municipais, acompañada polo concelleiro Alfredo Fernández, así como por representantes da Asociación Mar de San Ciprián, entidade que, xunto co Concello, promove esta actuación destinada a preservar un símbolo da historia local.

A mina forma parte do monumento á Armada inaugurado en 1967. O artefacto chegou á costa de San Ciprián en decembro de 1965, arrastrado polas correntes e os temporais. Tras ser desactivada pola Armada, foi instalada na Pena Meá como recordo dun episodio histórico moi presente na memoria colectiva da vila.

A alcaldesa destacou que “esta mina é parte da nosa identidade colectiva e un elemento patrimonial de enorme valor para Cervo e para San Ciprián. Temos a responsabilidade de conservala nas mellores condicións para que siga formando parte da nosa historia e poida ser coñecida e apreciada polas futuras xeracións”.

Así mesmo, quixo agradecer “a implicación da Asociación Mar de San Ciprián e a colaboración da Armada para facer posible esta restauración, que permitirá poñer en valor un dos símbolos máis recoñecibles do noso patrimonio histórico e marítimo”.