O CONCELLO DE CERVO CONVIDA A VECIÑOS E VISITANTES A DESFRUTAR DO SAN XOÁN DE SAN CIPRIÁN DA MAN DO GRUPO A REBOLAXE

Na cita, que conta coa colaboración do Concello de Cervo, haberá moita música, bocadillos á venta, e por suposto, unha gran fogueira

A actividade celebrarase o luns 23 de xuño, a partir das 19:30 horas no aparcadoiro do estanco da Praia do Torno

O Concello de Cervo anima a veciñanza e visitantes a participar na tradicional Festa de San Xoán de A Rebolaxe que se celebrará o luns 23 de xuño, no aparcamento do estanco da Praia do Torno, a partir das 19:30 horas.

A festa dará comezo coa actuación dos gaiteros de Saíñas de Xove, que animarán a primeira parte da celebración. Tamén haberá bocadillos de panceta, chourizo e salchicha á venta para as persoas asistentes.

A partir das 21:00 horas terá lugar o concerto de David y Leo, e ás 23:00 horas prenderase a tradicional fogueira de San Xoán, un dos momentos máis esperados da noite.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, presentou o evento en compañia da edil Mali Méndez e de membros da organización e quixo destacar a importancia destas celebracións populares e poñer en valor unha vez máis o traballo e a implicación do grupo A Rebolaxe, que un ano máis organiza esta festa con moito agarimo e esforzo brindándonos “unha oportunidade perfecta para reunirnos e desfrutar desa noite especial”.

Desde o Concello –engadiu- convidamos pois a todo o mundo a achegarse a San Ciprián para celebrar esta noite maxica, un ambiente festivo, con música en directo e a tradicional queima da fogueira”.

O evento está organizado polo grupo A Rebolaxe, coa colaboración do Concello de Cervo.