O CONCELLO DE CERVO CONVIDA A PARTICIPAR NAS FESTAS NA HONRA Á VIRXE DO PILAR E Á VIRXE DO CARME, EN SAN ROMÁN OS DÍAS 11 E 12 DE OUTUBRO
Desde o Concello de Cervo animamos a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten a achegarse a San Román, participar nas actividades programadas e desfrutar destas xornadas festivas. “Agardamos que sexan unhas festas moi participativas e que a veciñanza se anime a saír, celebrar e gozar da música e da compañía”, sinalou a rexedora.
A parroquia de San Román de Vilaestrofe celebrará os vindeiros días 11 e 12 de outubro as súas festas na honra á Virxe do Pilar e á Virxe do Carme, cun programa que combina tradición, actos relixiosos e música para desfrutar destas xornadas festivas.
O programa foi presentado pola alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, o concelleiro de Zona Rural, Adrián Arias, e representantes da comisión organizadora, a Comunidade de Montes de Vilaestrofe.
As celebracións arrancarán o domingo, 11 de outubro, ás 13:00 horas, cunha misa solemne na honra á Virxe do Carme, cantada polo Coro Parroquial de Cervo. A continuación terá lugar a sesión vermú co Grupo Fénix. Xa pola noite, a partir das 22:30 horas, o Pavillón de Deportes de San Román de Vilaestrofe acollerá unha gran verbena amenizada polo Grupo Fénix e a Orquesta Saudade.
O luns, 12 de outubro, festividade da Virxe do Pilar, volverá celebrarse ás 13:00 horas a misa solemne, tamén cantada polo Coro Parroquial de Cervo. A continuación, o Dúo “Belinda” será o encargado de amenizar a sesión vermú.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou “a importancia de seguir apoiando e poñendo en valor as festas das nosas parroquias, que forman parte da nosa identidade e son momentos para reencontrarnos, compartir e desfrutar xuntos”. Neste sentido, agradeceu “o traballo e a implicación da Comunidade de Montes de Vilaestrofe e da comisión organizadora, así como de todas as persoas que colaboran para facer posible estas celebracións”.
Desde o Concello de Cervo animamos a toda a veciñanza e ás persoas que nos visiten a achegarse a San Román, participar nas actividades programadas e desfrutar destas xornadas festivas. “Agardamos que sexan unhas festas moi participativas e que a veciñanza se anime a saír, celebrar e gozar da música e da compañía”, sinalou a rexedora.