O CONCELLO DE CERVO CONVIDA A PARTICIPAR NAS FESTAS DE SANTA ISABEL DE LIEIRO, QUE SE CELEBRARÁN DO 3 AO 6 DE XULLO CUN COMPLETO PROGRAMA DE ACTOS

A parroquia de Lieiro xa está preparada para celebrar unha das citas máis destacadas do verán cervense, as Festas na Honra de Santa Isabel, que se desenvolverán do venres 3 ao luns 6 de xullo cun amplo programa festivo.

A programación arrancará este venres coa Festa da Xuventude e prolongarase ata o luns 6 de xullo, coa tradicional sardiñada e a última gran verbena

A cita será no Guioncho e combinará tradición, música e actividades para todos os públicos

A parroquia de Lieiro xa está preparada para celebrar unha das citas máis destacadas do verán cervense, as Festas na Honra de Santa Isabel, que se desenvolverán do venres 3 ao luns 6 de xullo cun amplo programa festivo.

Na presentación participaron a alcaldesa, Dolores García Caramés; e os concelleiros Adrián Arias e Alfredo Fernández; xunto aos membros da Asociación Cultural Comisión de Festas de Lieiro, encargada da organización coa colaboración do Concello.

A programación arrancará o venres 3 de xullo, ás 23:00 horas, coa tradicional Festa da Xuventude, amenizada por DJ Alejandro Martínez, Marcos Peón e Conxuro Discomóbil.

O sábado 4 de xullo comezará ás 13:00 horas coa misa solemne na capela do Guioncho. Ás 13:30 horas celebrarase a sesión vermú co Grupo Da Silva e, xa pola noite, desde as 22:30 horas, terá lugar a gran verbena coas orquestras Gran Parada e Cayenna.

O domingo 5 de xullo, a misa solemne celebrarase ás 12:30 horas na igrexa parroquial de Lieiro, cantada pola Coral Terra Mar, seguida da procesión. Ás 13:30 horas dará comezo a sesión vermú coa Orquestra Principal e, a partir das 22:30 horas, a verbena correrá a cargo da propia Orquestra Principal e de El Combo Dominicano.

As festas rematarán o luns 6 de xullo, cunha actuación do grupo folclórico Mistura de Lieiro ás 19:00 horas, seguida da tradicional Sardiñada, ás 20:00 horas. A partir das 21:30 horas, a última verbena estará protagonizada por Tania Veiras e a orquestra Galilea.

Desde o Concello de Cervo animan a veciñanza e aos visitantes a achegarse a Lieiro para desfrutar dunhas festas que cada ano reúnen a centos de persoas arredor da música, da tradición e da convivencia.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou "o enorme traballo que realiza durante todo o ano a Comisión de Festas para sacar adiante unha programación atractiva e de gran calidade", e subliñou que "Santa Isabel é unha celebración que combina á perfección a tradición coa mellor oferta musical, converténdose nun punto de encontro para veciños e visitantes e nun excelente escaparate do dinamismo das nosas parroquias".

Ademais, agradeceu "a implicación de todas as persoas que colaboran na organización e convidou a gozar das festas, facendo que esta nova edición sexa todo un éxito, como é habitual".