O CONCELLO DE CERVO CONVIDA A ASISTIR Á X FOLIADA E Á FEIRA DE ARTESANÍA O SÁBADO 2 DE MAIO NA PRAZA DO SOUTO

A cita está organizada pola Acr Fervenza de Sargadelos, pola agrupación Fol do Raxal e por Marmeladas A Morena coa colaboración da Administración Local

A feira de artesanía abrirá ao público ás 11:00 horas, haberá un roteiro interpretativo por Cervo e sucederanse diferentes actuacións de música tradicional, pasabares e diferentes obradoiros e sorteos durante a xornada.

A sesión vermú correrá cargo de Mediarea, e á noitiña actuarán Os Viqueiras, haberá o tradicional baile do farolillo, foliada libre e queimada

O Concello de Cervo anima a veciños e visitantes a asistir o sábado, 2 de maio, á X Foliada e á Feira de Artesanía que terá lugar na Praza do Souto, durante todo o día.

A cita foi presentada pola alcaldesa, Dolores García Caramés, pola edil Mali Méndez, o concelleiro, Alfredo Fernández, polo deputado provincial Daniel García, e por membros da Acr Fervenza de Sargadelos, da agrupación FOL Do RAXAL e Marmeladas A Morena que organizan o evento no que colabora, como cada edición, o Concello de Cervo.

O día está repleto de actividades diversas pensadas para desfrutar con amigos e familia.

Ás 10:00 horas haberá un obradoiro de Percusión Miúda, con Ramón Dopico, nas Escolas Vellas de Cervo, que dará paso á apertura da Feira de Artesanía e Alimentación.

Tamén pola mañá haberá un roteiro interpretativo (A flora do Camiño Real de Cervo) con Pedro Rolle que partirá ás 11:00 horas da Praza do Souto.

Ao mediodía, arrincarán os Pasabares coa participación de agrupacións de diferentes puntos da bisbarra.

A continuación está prevista a sesión vermú con Mediarea.

Xa pola tarde, haberá un obradoiro de baile foliadeiro con Xabi Iglesias e Xogos Tradicionais e Animación Musical.

Ás 18:30 horas, será a Foliada.

Como peche de festa, ás 22:00 horas, terá lugar o concerto de Os Viqueiras, seguido de Foliada Libre e Queimada e tamén do Baile do Farolillo.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, convidou á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse a Cervo para desfrutar dunha xornada na que tradición, cultura e artesanía se mesturan nun marco privilexiado como é a capitalidade municipal.

A rexedora quixo tamén poñer en valor o traballo das entidades organizadoras —A Morena, Fervenza de Sargadelos e Fol do Raxal— destacando o seu compromiso constante e a súa implicación durante todos estes anos.

Subliñou ademais a importancia desta edición especial, coincidindo co décimo aniversario da celebración, unha data sinalada que consolida o evento como unha referencia cultural no municipio e que amosa a forza do tecido asociativo local.

Finalmente, animou a toda a cidadanía a participar, gozar da festa e compartir unha foliada chea de identidade, música e tradición, que ao longo destes dez anos se converteu nun punto de encontro imprescindible para a cultura popular da contorna.