O CONCELLO DE CERVO CONTINÚA AMPLIANDO A REDE DE ESPAZOS CARDIOPROTEXIDOS COA INSTALACIÓN DE NOVOS DESFIBRILADORES EN DIFERENTES EDIFCIOS PÚBLICOS E NOS CENTROS ESCOLARES

O municipio sitúase así á cabeza da provincia de Lugo en número de DESAS por habitante

 

O Concello de Cervo vén de incorporar novos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA) en diferentes edificios públicos e tamén nos centros escolares, reforzando así a súa aposta pola cardioprotección e pola seguridade da veciñanza.

Con estas novas instalacións, pasan a ser espazos cardioprotexidos a Casa do Concello, a Casa da Cultura, a nave de obras, o CEIP Península da Paz, e o IES Marqués de Sargadelos –onde se instalará o DESA a vindeira semana-; que se suman á piscina olímpica municipal, á Escola Infantil Municipal (na Casa do Mar), o campo de fútbol e o pavillón da Veiga, que xa contaban con estes dispositivos. 

Ademais, o Concello dispón dun DESA situado nun vehículo municipal e, durante a tempada de baño, con outro na praia do Torno. A estes súmase tamén o desfibrilador situado no centro de día e na residencia e pola súa banda o CEIP de Cervo, conta cun desfibrilador propio.

Tamén se está a traballar para que os locais sociais municipais conten con cadanseu dispositivo nos próximo meses.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que “a instalación destes desfibriladores é unha medida fundamental. A nosa prioridade é garantir a seguridade da veciñanza e seguir avanzando cara a un concello cada vez máis cardioprotexido”.

Todos os dispositivos de nova incorporación, do mesmo xeito que os xa existentes, estarán inscritos no Rexistro de Desfibriladores Externos fóra do ámbito sanitario da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Nas vindeiras semanas, o Concello de Cervo impartirá cursos de formación ao persoal municipal, ao profesorado e aos traballadores dos centros nos que se instalaron desfibriladores, reforzando así a capacidade de resposta ante posibles situacións de emerxencia.