O CONCELLO DE CERVO CONSOLIDA AS VIAXES EN BARCO AOS FARILLÓNS COMO UN DOS GRANDES ATRACTIVOS PREVIOS Á MARUXAINA
As crianzas participantes no programa Cervo Concilia gozaron esta mañá dunha experiencia única descubrindo os Farillóns da man do fotógrafo e biólogo Anxo Cao, encargado de guiar as travesías
As crianzas participantes no programa Cervo Concilia gozaron esta mañá dunha experiencia única descubrindo os Farillóns da man do fotógrafo e biólogo Anxo Cao, encargado de guiar as travesías
A alcaldesa, Dolores García Caramés, tamén quixo sumarse á actividade, acompañada polo concelleiro Alfredo Fernández, para coñecer de primeira man o desenvolvemento desta proposta impulsada polo Concello
O Concello de Cervo fai un balance moi positivo das viaxes en barco aos Farillóns organizadas con motivo da Festa da Maruxaina, unha iniciativa que está a rexistrar unha excelente acollida e que está a esgotar as prazas dispoñibles en cada unha das travesías.
Esta mañá foron as crianzas do programa municipal Cervo Concilia as protagonistas da xornada, desfrutando dunha experiencia educativa e de lecer na que puideron descubrir a riqueza natural e paisaxística dos Farillóns, coñecer curiosidades sobre este emblemático enclave e afondar na súa relación coa lenda da Maruxaina.
O percorrido estivo guiado polo fotógrafo e biólogo Anxo Cao, encargado de conducir as viaxes, achegando aos participantes explicacións sobre a biodiversidade mariña, a historia do lugar e o patrimonio natural que rodea a costa cervense.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, tamén quixo participar na actividade, acompañada polo concelleiro Alfredo Fernández, para compartir esta experiencia cos asistentes e comprobar o éxito dunha proposta que se consolida como un atractivo máis da programación da Maruxaina.
Caramés destacou que "estas viaxes permiten descubrir un dos espazos máis singulares da nosa costa desde unha perspectiva diferente, combinando natureza, divulgación e tradición. É unha actividade que encaixa perfectamente coa esencia da Maruxaina e que está a ter unha resposta magnífica por parte da veciñanza e dos visitantes."
A rexedora subliñou ademais que "para nós era importante que as crianzas de Cervo Concilia tamén puidesen vivir esta experiencia, coñecer mellor o noso patrimonio natural e sentirse parte dunha tradición tan especial como é a Festa da Maruxaina. Queremos seguir promovendo actividades que poñan en valor a nosa identidade e o enorme potencial turístico e ambiental do noso litoral."