O CONCELLO DE CERVO CONMEMORA O DÍA INTERNACIONAL DOS BOSQUES COA PLANTACIÓN DE DIFERENTES ESPECIES E ACONDICIONANDO ESPAZOS DE USO PÚBLICO

Coa colaboración da asociación Saúde Mental A Mariña, acondicionouse o coñecido como parque dos Negrillos, na Senra, coa plantación de tres acivros e unha moreira 

Previamente, o persoal municipal, rozou e aviou o espazo moi apreciado entre a veciñanza como lugar de esparexemento para poñelo a punto para a plantación

 

Un ano máis, o Concello de Cervo, quixo celebrar o Día Internacional dos Bosques que se conmemora cada 21 de marzo, sinalando así tamén no almanaque o inicio da primavera.

Nesta ocasión, procedeuse a acondicionar o coñecido como parque dos Negrillos no lugar da Senra, no que se plantaron 3 acivros e unha moreira, que lle aportarán un ambiente máis agradable a este espazo tan apreciado pola veciñanza como lugar de esparexemento.

A actividade, coordinada desde o Concello de Cervo, contou coa colaboración da asociación Saúde Mental A Mariña “sempre dispostos a axudar e a participar en todas as iniciativas que se programan desde a Administración local”.

Neste senso, cabe recordar que o Concello de Cervo, a través da delegación de Medio Ambiente, programa ao longo de todo o ano diferentes actividades de concienciación en materia ambiental dirixidas ás crianzas pero tamén á cidadanía en xeral, como pode ser a campaña Coida Cervo que botou a andar este mesmo mes; un voluntariado de limpeza e acondicionamento de espazos de uso público para concienciar tamén da importancia de que cada xesto individual conta e suma en favor do medio ambiente.