O CONCELLO DE CERVO COLABORA NA XORNADA ‘ENTRE O MAR E O ABISMO’, UNHA ACHEGA Á ESPELEOLOXÍA DA MAN DE EXPERTOS EN EXPLORACIÓN SUBTERRÁNEA
A xornada celebrarase este domingo, 11 de outubro, na Sala Cultural Xosé Vizoso, no edificio das Carboeiras, en Sargadelos, con dúas conferencias abertas ao público, ás 18:00 e ás 19:00 horas.
O Concello de Cervo colabora na organización da xornada divulgativa ‘Entre o mar e o abismo’, organizada polo Espeleoclube Villaamil e Castro e Pozo Azul Project, que se desenvolverá este domingo, 11 de outubro, na Sala Cultural Xosé Vizoso, no edificio das Carboeiras, en Sargadelos, cun programa de dúas conferencias abertas ao público.
Na presentación da iniciativa participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, e Gonzalo Villarmea, en representación do Espeleoclube, que destacaron a relevancia desta proposta para achegar á veciñanza o coñecemento do patrimonio natural e das exploracións subterráneas, tanto na costa da Mariña como noutros lugares de referencia internacional.
A xornada comezará ás 18:00 horas coa conferencia ‘As Furnas da Costa da Mariña’, a cargo de Xurxo Lourenzo, do EC Rei Cintolo. A charla permitirá afondar no coñecemento das furnas da costa de Lugo, un ámbito da espeleoloxía aínda pouco coñecido, mesmo dentro do propio colectivo de persoas afeccionadas e especialistas nesta disciplina.
A continuación, ás 19:00 horas, será a quenda de ‘Exploración do Pozo Azul’, que impartirá Xesús Manteca, do Espeleoclube Villaamil e Castro. Esta segunda conferencia achegará ao público o traballo que se está a desenvolver no Pozo Azul, unha cavidade de referencia mundial no ámbito do espeleobuceo pola súa dimensión e complexidade.
A exploración desta gran cavidade está a ser realizada por un equipo integrado por diferentes colectivos e participantes internacionais, entre os que se atopa o Espeleoclube Villaamil e Castro, con deportistas que contan con licenza federativa. Un proxecto que exemplifica a dimensión internacional destas expedicións e a importancia da colaboración entre equipos especializados para avanzar no coñecemento do mundo subterráneo.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, animou a veciñanza e a todas as persoas interesadas a participar nesta actividade, que permite descubrir a riqueza e a singularidade do medio natural desde unha perspectiva diferente, coñecendo de primeira man o traballo de exploración, investigación e cooperación que hai detrás destas experiencias.
A entrada é aberta ao público, polo que desde o Concello convidan a achegarse este domingo á Sala Cultural Xosé Vizoso para gozar dunha tarde de divulgación, coñecemento e descubrimento arredor das furnas da costa lucense e das grandes exploracións subacuáticas