O CONCELLO DE CERVO COLABORA CO CLUB MADERAS BARCIA CERVO NA LIMPEZA DA PRAIA DA CAOSA NO MARCO DUN NOVO PLAN DE ACCIÓN DE ALCOA
Integrantes do club participaron activamente nos traballos de limpeza deste espazo natural, nunha acción que pon de manifesto o compromiso da entidade co coidado da contorna e coa posta en valor dos espazos naturais do municipio.
O Club de Atletismo Maderas Barcia Cervo impulsou na tarde de onte unha xornada de limpeza da praia da Caosa, unha iniciativa que se enmarca nun novo Plan de Acción de Alcoa promovido pola propia entidade deportiva e que contou coa colaboración do Concello de Cervo.
Integrantes do club participaron activamente nos traballos de limpeza deste espazo natural, nunha acción que pon de manifesto o compromiso da entidade co coidado da contorna e coa posta en valor dos espazos naturais do municipio.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, achegouse ata o areal para acompañar aos participantes durante a xornada e agradecer ao Maderas Barcia Cervo a súa iniciativa e implicación.
A rexedora municipal destacou a importancia de que as asociacións e entidades locais tomen a iniciativa e promovan accións que repercutan positivamente no conxunto da veciñanza.“Accións coma esta demostran o compromiso do noso tecido asociativo coa conservación da nosa contorna e coa mellora dos espazos que compartimos”.
Desde o Concello de Cervo agradecen ao Club Maderas Barcia Cervo a organización desta xornada e a súa aposta por desenvolver este tipo de actuacións ao abeiro dun novo Plan de Acción de Alcoa, contribuíndo entre todos e todas a manter e coidar os espazos naturais de Cervo.