O CONCELLO DE CERVO COLABORA CO CLUB DE ATLETISMO MADERAS BARCIA CERVO NA INSTALACIÓN DUNHA ESTRUTURA DE CUBRICIÓN PARA A ZONA DE CAÍDA DE SALTO DE ALTURA

 

O Concello de Cervo colaborou co Club de Atletismo Maderas Barcia Cervo na adquisición dunha nova estrutura de cubrición para a zona de caída de salto de altura das pistas deportivas municipais, unha actuación financiada con fondos propios municipais.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, e o concelleiro Alfredo Fernández achegáronse ata as instalacións deportivas para comprobar in situ o funcionamento deste novo equipamento durante unha sesión de adestramento do club.

A nova infraestrutura consiste nun armazón metálico de cubrición que protexe a colchoneta de salto de altura fronte á choiva e á exposición directa ao sol, contribuíndo así á súa conservación e durabilidade. A estrutura está dividida en dous módulos independentes que incorporan rodas, o que permite desprazalos con facilidade para descubrir completamente a zona de caída durante os adestramentos e competicións.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou que “esta actuación responde ao compromiso do Concello co deporte base e coa mellora continua das instalacións municipais, co obxectivo de que os nosos clubs poidan adestrar en condicións cada vez máis seguras e axeitadas”.

Engadiu ademais que “o atletismo cervense está a vivir un gran momento grazas ao traballo constante dos deportistas, adestradores e familias, e desde o Concello imos seguir apoiando ese esforzo con investimentos útiles e reais”.

Desde o Goberno local destacan a importancia de continuar apoiando o deporte base e ás entidades deportivas do municipio, mellorando tanto as instalacións como os recursos necesarios para o desenvolvemento da actividade deportiva en condicións óptimas.