O CONCELLO DE CERVO CLAUSURA UNHA NOVA TEMPADA DAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS INFANTÍS NAS QUE PARTICIPARON PRETO DE 200 CRIANZAS
O evento reuniu ás familias, monitores e participantes das distintas disciplinas deportivas municipais, que gozaron dunha tarde moi especial con exhibicións de ximnasia rítmica e patinaxe artística, nas que os pequenos e pequenas demostraron todo o aprendido durante o curso.
O Pavillón do CEIP Cervo acolleu este venres o acto de clausura das Escolas Deportivas Municipais Infantís, nunha xornada chea de emoción, convivencia e recoñecemento ao esforzo realizado polos nenos e nenas ao longo de toda a tempada.
O evento reuniu ás familias, monitores e participantes das distintas disciplinas deportivas municipais, que gozaron dunha tarde moi especial con exhibicións de ximnasia rítmica e patinaxe artística, nas que os pequenos e pequenas demostraron todo o aprendido durante o curso.
Durante o acto a alcaldesa, Dolores García Caramés, o os concelleiros Adrián Arias e Alfredo Fernández, entregaron os diplomas e un agasallo conmemorativo para todos os nenos e nenas participantes nas Escolas Deportivas Municipais, nas disciplinas de ximnasia rítmica, patinaxe artística, voleibol, multideporte e balonmán.
Remata así un curso no que participaron preto de 200 pequenos e pequenas, consolidando o crecemento e a boa acollida dun programa deportivo que continúa fomentando hábitos saudables, compañeirismo e valores fundamentais a través do deporte.
A alcaldesa, Dolores García Caramés, destacou durante o acto “o importante crecemento que experimentaron as Escolas Deportivas Municipais nos últimos anos, converténdose nun referente para moitas familias do municipio”. Ademais, quixo agradecer “o gran traballo e implicación dos monitores e monitoras, así como o apoio constante das familias, fundamentais para que os nenos e nenas desfruten do deporte nun ambiente educativo e saudable”.
A rexedora tamén puxo en valor “os múltiples beneficios que aporta o deporte na infancia, non só a nivel físico, senón tamén no desenvolvemento persoal, na aprendizaxe de valores como o respecto, o esforzo, o traballo en equipo e a convivencia”.
O Concello agradece a participación de todas as familias e felicita aos nenos e nenas por unha magnífica tempada deportiva.