O CONCELLO DE CERVO CLAUSURA UNHA NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA ARRUGUIÑAS QUE SUPEROU OS 130 PARTICIPANTES

A iniciativa gratuíta e dirixida á veciñanza maior de 60 anos, combinou exercicio físico, talleres de memoria, talleres terapéuticos, charlas ou un curso de lingua de signos, entre outras

O Concello de Cervo celebrou a clausura do programa de envellecemento activo "Arruguiñas", no que participaron ao longo do ano máis de 130 veciños e veciñas maiores de 60 anos.

A alcaldesa, Dolores García Caramés fixo a entrega dos diplomas a cada participante durante un encontro celebrado na tarde deste venres na Casa do Mar, en San Ciprián.

O programa "Arruguiñas" naceu como unha proposta integradora e gratuíta, que ten como obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas maiores, fomentando un estilo de vida saudable, contribuíndo a dinamizar o seu día a día, e a que se manteñan activos e activas social, físico e mentalmente. Ao longo do curso desenvolvéronse actividades como:

• "Móvete", centrada na promoción do exercicio físico.

• "Actívate", con propostas para o manexo das novas tecnoloxías, estimulación das habilidades manipulativas ou da psicomotricidade fina.

• Talleres de memoria e lingua de signos, que buscan manter e mellorar as capacidades cognitivas e comunicativas.

• Talleres terapéuticos, realizados en colaboración coa Asociación Saúde Mental A Mariña, tamén concibidos como espazos de convivencia e intercambio de experiencias coas persoas que padecen algún tipo de trastorno mental

• O programa "Charlando", que ofreceu ao longo do ano diversas faladoiros de interese para as persoas participantes sobre diversas temáticas.

Image removed.Durante o acto de clausura, a alcaldesa felicitou a todas as persoas participantes pola súa implicación e constancia, e agradeceu tamén o traballo dos monitores e monitoras que fixeron posible o desenvolvemento de todas as actividades.

Image removed.Tal e como apuntou a rexedora "a resposta a este programa foi fantástica, demostrou unha vez máis as ganas da nosa xente maior de seguir aprendendo, compartindo e participando activamente na vida do noso concello, recordándolles tamén o papel fundamental que desempeñan no municipio”.

A alcaldesa puxo así mesmo de manifesto a vontade deste equipo de goberno local de dar continuidade e seguir mellorando esta iniciativa nos vindeiros anos.