O CONCELLO DE CERVO CLAUSURA UNHA NOVA EDICIÓN DE “BRINCOS DE LECER COA RA RAMIRA” CUNHA FESTA DE PECHE PARA AS CRIANZAS PARTICIPANTES

A clausura do programa celebrouse cunha festa na Casa do Mar na que os nenos e nenas participantes desfrutaron dunha xornada especial de peche, na que recibiron os seus diplomas e agasallos como recoñecemento pola súa participación ao longo do curso.

O Concello de Cervo vén de clausurar unha nova edición do programa de ocio e tempo libre “Brincos de Lecer coa Ra Ramira”, unha iniciativa posta en marcha para favorecer a conciliación das familias do municipio e ofrecer ás crianzas un espazo educativo, creativo e divertido durante o curso escolar.

A clausura do programa celebrouse cunha festa na Casa do Mar na que os nenos e nenas participantes desfrutaron dunha xornada especial de peche, na que recibiron os seus diplomas e agasallos como recoñecemento pola súa participación ao longo do curso.

En total, máis de medio cento de nenos e nenas participaron nesta edición, na que se desenvolveron diferentes propostas adaptadas ás idades e intereses do alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria.

A gran novidade deste curso foi a posta en marcha do obradoiro “Playing in English”, unha actividade realizada en colaboración coa English School de San Ciprián, que permitiu ao alumnado achegarse ao idioma inglés a través do xogo, dunha maneira dinámica e entretida.

A programación completouse con actividades xa consolidadas como “Brincos”, “Croacbooking”, “Ramira de Castro”, “Problemas na Charca”, “Club de Ramira”, “Aprender a Aprender” e os “Findes Anfibios”, con propostas centradas na creatividade, a lectura, as matemáticas, as técnicas de estudo e o lecer educativo.

Na clausura participaron a alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, a concelleira Pilar Armada, e tamén as monitoras das actividades, Alba e Laura.

A rexedora destacou que “Brincos de Lecer coa Ra Ramira volveu demostrar que é unha ferramenta moi útil para as familias do municipio, ofrecendo un espazo seguro no que os nenos e nenas poden aprender, xogar, relacionarse e desenvolver novas habilidades fóra do horario lectivo”.

García Caramés puxo en valor especialmente a incorporación do obradoiro de inglés: “estamos moi satisfeitos coa acollida desta novidade, xa que permite que as crianzas practiquen un idioma tan importante como o inglés dunha forma natural, divertida e adaptada a cada idade”.

A alcaldesa tamén agradeceu “a implicación das familias, das monitoras e de todas as persoas que fan posible o desenvolvemento deste programa, pola súa dedicación e polo cariño co que acompañan ás crianzas durante todo o curso”.

Desde o Concello de Cervo salientan a boa resposta recibida por parte das familias e avanzan que continuarán impulsando iniciativas que contribúan á conciliación, á educación e ao benestar da veciñanza máis nova do municipio.