O CONCELLO DE CERVO CLAUSURA UNHA EDICIÓN DE RÉCORD DO PROGRAMA CERVO CONCILIA NO QUE PARTICIPARON MÁIS DE 150 PEQUENOS/AS

Rutas de sendeirismo, circuítos de seguridade viaria, talleres de lingua de signos e moito deporte, foron algunhas das múltiples iniciativas educativas e recreativas que completaron a axenda deste programa consolidado nas vacacións escolares das crianzas “pensado para facilitar a conciliación das familias e que se prolongou ata o último día do descanso escolar”

 A alcaldesa quixo agradecer o gran traballo das monitoras e voluntarias “pola súa implicación e entrega durante todo o verán, un traballo fundamental que é chave no éxito do programa”

O Concello de Cervo vén de clausurar unha nova edición do programa Cervo Concilia, que se desenvolveu ao longo  do verán ata o inicio do novo curso escolar que terá lugar este mércores, no que participaron máis de 150 nenos e nenas, cubrindo ao 100% a demanda existente.

A alcaldesa, Dolores García Caramés, acompañou aos rapaces neste día no que tamén desfrutaron dunha divertida Festa da escuma na Praza dos Campos.

O programa Cervo Concilia, que é xa un clásico do verán cervense, está dirixido aos rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos que puideron desfrutar de actividades ben diferentes como teatro, ioga, surf, kaiak, rutas de sendeirismo…Tal e como apuntou a rexedora “Cervo Concilia pretende ser moito máis que unha simple alternativa ás vacacións escolares, constrúese sobre unha axenda variada, chea de actividades  que fomentan o desenvolvemento persoal das crianzas” desde deporte, talleres creativos e actividades ao aire libre, ata programas educativos que reforzan valores como o traballo en equipo, o respecto pola contorna e a solidariedade.

A alcaldesa puxo de manifesto que o obxectivo do programa “non é só ofrecerlle ás crianzas un espazo seguro de aprendizaxe e diversión, senón tamén, e fundamentalmente, “contribuír de xeito significativo á conciliación da vida familiar e laboral”. Somos conscientes –engadiu-  que a conciliación é un dos grandes desafíos  aos que se enfrontan moitas familias na nosa sociedade actual, os meses de verán poden supoñer un auténtico reto para moitas delas, porque as obrigas laborais non se deteñen. Por elo –subliñou- tratamos de ofrecer e buscar solucións como o Cervo Concilia, que permitan ás familias estar tranquilas, sabendo que os seus fillos están nunha contorna segura  e enriquecedora.

A alcaldesa quixo agradecer ao equipo humano formado por 10 monitoras e 11 voluntarias “porque o seu traballo é fundamental para garantir o éxito do programa cun labor e dedicación chave para que as crianzas se divirtan ao tempo que aprenden, interactúan cos seus compañeiros, fan novas amizades e viven experiencias que, seguro, recordarán durante anos”

E tamén ás familias por confiarnos un ano máis –apuntou- aos seus nenos e nenas durante estas semanas “desde o Concello seguiremos impulsando este tipo de iniciativas para axudar a equilibrar a vida laboral e persoal”