O CONCELLO DE CERVO CELEBRA O SÁBADO 21 DE FEBREIRO, A TRADICIONAL FESTA DO MEXILLÓN

A cita gastronómica encherá a vila de sabor, música e ambiente festivo coa participación de dez locais hostaleiros

 

O Concello de Cervo presenta unha nova edición da Festa do Mexillón de San Ciprián, que se celebrará o vindeiro sábado 21 de febreiro de 2026, consolidándose como unha das citas gastronómicas e festivas máis destacadas do inverno na Mariña na súa XXXII edición.

O evento contará coa participación de dez establecementos hostaleiros da localidade —O Porto, Maruxaina, O Encontro, A Penúltima, Las Titas, O Faro, Bar Habana, O Noso Lar, O Trasgo e Bodega de Ana— que ofrecerán diferentes elaboracións con mexillón como protagonista, poñendo en valor a calidade do produto e o bo facer da hostalaría local.

A programación completarase cun amplo abano de actividades musicais e de animación na rúa. A mediodía coas agrupacións locais Fol do Raxal e A Rebolaxe, e xa a partir das 19:00 horas coa Charanga da Carmiña e a Charanga TNT. 

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, destacou que “a Festa do Mexillón é xa unha cita imprescindible no noso calendario, unha oportunidade perfecta para dinamizar a hostalaría local e atraer visitantes nunha época do ano na que tamén é importante xerar movemento económico”.

A rexedora subliñou ademais que “desde o Concello seguimos apostando por eventos que poñen en valor os nosos produtos do mar e que reforzan a identidade mariñeira de San Ciprián. Esta festa é unha mostra da unión entre tradición, gastronomía e convivencia”.

García Caramés animou a veciños e visitantes “a achegarse a San Ciprián e gozar dunha xornada pensada para todos os públicos, na que o mexillón será o gran protagonista, acompañado de boa música e do mellor ambiente”.

Desde o Concello convidan a participar nesta celebración que combina sabor e cultura, convertendo San Ciprián nun referente gastronómico durante esa fin de semana.