O CONCELLO DE CERVO CEDE Á ASOCIACIÓN AMIGOS DO CAMIÑO DO MAR UN ESPAZO NAS CARBOEIRAS, EN SARGADELOS, PARA IMPULSAR A PROMOCIÓN DA RUTA E DO TERRITORIO

camiño do mar

O novo espazo, situado na Sala Cultural Xosé Vizoso de Sargadelos, será o punto de partida este domingo 25 de outubro da terceira etapa do Camiño do Mar, que unirá Cervo e Xove.

O Concello concede ademais á entidade unha axuda de 5.000 euros para apoiar o seu labor de promoción e dinamización do Camiño do Mar

O Concello de Cervo dá un novo paso na súa colaboración coa Asociación Amigos do Camiño do Mar coa cesión dun espazo no edificio das Carboeiras, en Sargadelos, e cunha achega económica de 5.000 euros para apoiar o labor que desenvolve a entidade na promoción e difusión desta ruta xacobea. 

A actividade da asociación convivirá neste espazo coa programación cultural habitual, que inclúe exposicións, charlas e outras iniciativas, así como co proxecto de coworking Azul Cobalto, que tamén se desenvolverá na Sala de Cultura Xosé Vizoso, favorecendo así un uso compartido e dinámico destas instalacións como punto de encontro para a cultura, o emprendemento e a promoción do territorio.

Esta colaboración dá continuidade ao traballo conxunto que o Concello e a asociación veñen mantendo ao longo dos últimos anos, durante os que a entidade traballou para dar a coñecer o Camiño do Mar, impulsar o seu percorrido e poñer en valor os recursos patrimoniais, naturais e culturais dos lugares polos que discorre, neste caso de Cervo.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, que visitou o espazo xunto ao presidente da asociación, Manuel Vicente, destacou a importancia de seguir acompañando este labor e de reforzar o apoio municipal cun novo compromiso que permitirá á asociación contar cun espazo de referencia desde o que desenvolver a súa actividade.

“Desde o Concello de Cervo levamos anos colaborando coa Asociación Amigos do Camiño do Mar, acompañando e apoiando o seu labor de promoción desta ruta. Agora queremos dar un paso máis, facilitándolles un espazo propio desde o que desenvolver a súa actividade e reforzando ese apoio cunha achega económica de 5.000 euros. É unha maneira de recoñecer o enorme traballo que se fixo ata o de agora e o que se segue facendo para que o Camiño do Mar continúe medrando”, sinalou a rexedora.

García Caramés puxo tamén o foco no crecente interese que esperta esta ruta entre as persoas peregrinas e nas oportunidades que ofrece para o desenvolvemento turístico e económico de Cervo e de toda a comarca.

“Cada vez son máis as persoas que se animan a percorrer o Camiño do Mar, unha ruta que nos permite dar a coñecer a nosa paisaxe, o noso patrimonio, a nosa cultura e a nosa forma de vivir. É importante para Cervo e para toda a comarca, porque pode atraer visitantes, favorecer a actividade económica e contribuír a que se coñeza mellor todo o que temos que ofrecer”, afirmou.

A alcaldesa quixo recoñecer expresamente o compromiso e a constancia das persoas que forman parte da asociación, que levan anos traballando para impulsar e dar visibilidade ao Camiño do Mar.

“Detrás de cada etapa, de cada actividade e de cada avance hai moito esforzo, dedicación e ilusión. Ese traballo merece ser recoñecido e apoiado. Desde o Concello queremos seguir camiñando da súa man, colaborando en novas iniciativas e contribuíndo a que esta ruta siga consolidándose como un recurso patrimonial, cultural e turístico de primeira orde”, engadiu.

TERCEIRA ETAPA DO CAMIÑO DO MAR, ESTE DOMINGO

A colaboración entre o Concello e a asociación terá tamén unha nova expresión este domingo, 25 de outubro, coa celebración da terceira etapa do Camiño do Mar, que unirá os municipios de Cervo e Xove. A saída terá lugar na Sala Cultural Xosé Vizoso, en Sargadelos, que será a nova sede da asociación e que se converterá así nun punto de referencia para esta nova xornada da ruta.

Ademais, o Concello e a asociación colaborarán na organización de diferentes actividades relacionadas co Camiño do Mar, co obxectivo de achegar esta ruta á veciñanza, favorecer a participación e continuar divulgando o seu valor e as súas posibilidades.

Con esta iniciativa, o Concello de Cervo reafirma o seu compromiso coa promoción do Camiño do Mar, o apoio ao asociacionismo e a creación de novos espazos de colaboración que contribúan á dinamización cultural, turística e económica do municipio.